ARTE ET ALIA

O Camiño a Santiago en 3D

Auga termal das Burgas (dereita), e igrexa de Sandiás, na Limia.
photo_camera Auga termal das Burgas (dereita), e igrexa de Sandiás, na Limia.

Ou catro, que dende Ourense adoitámolo facelo nesas xornadas...: até Cea a primeira, e Lalín, Ponte Ulla e Compostela, finalmente. Aínda que se poida en menos tempo, mais non todo vai ser andar e andar, que convén irmos de vagariño, coa calma debida para entrar nunha igrexa, visitar unha vila ou subir ao Pico Sacro, privilexio sobranceiro para cantos imos por este camiño do sudeste. Eis un trazado esgazado da Vía da Prata dende Zamora, que foi rebautizado con pouco tino como Camiño mozárabe cando o histórico dos mozárabes foi o que chega a Celanova, e aí está como sino e rúbrica o sartego de San Torcuato, que veu dende Guadix por Braga e Santa Comba de Bande.

A Xunta de Galicia fai unha exposición do Camiño, que recala no centro cultural da Deputación “De mar a mar. El Camino de Santiago en 3D”, título en castelán, que será por terse iniciado en Jerez de la Frontera (Cádiz), pasando por Zamora, atravesando España de sur a norte, e percorrendo ademais de Andalucía, Estremadura e o territorio do Antigo reino de León, entrando en Galicia pola Mezquita... Un camiño que cruza Ourense, e pasa a Pontevedra até Santiago, na Coruña, o de percorrido máis amplo dos nosos. Verín e Laza, Xinzo e Allariz, Xunqueira de Ambía e Ourense, a Virxe Peregrina de Barrán e, logo xa cara a comarca do Deza cara Lalín... Curioso resulta que se incida nos fitos patrimoniais construídos, que apenas deixan pegada nos peregrinos dos nosos tempos tan sedentarios, máis centrados en chegar andando, con coches e buses para facer ‘máis doada’ a longa andaina para unha cantidade significada deles. Nas fotos de gran formato pódense albiscar imaxes de paisaxes, do patrimonio, e algunha persoa. Mais se poñemos nos ollos as gafas de cartón e filtros en azul e vermello cambia o conto. É o antigo sistema pasivo, coñecido dende fai cincuenta anos, que persegue a ficción 3D, malia ser pobre a definición das cores, resultando pavera atopala aínda. O título baséase no Libro IV, capítulo I, do Códice Calixtino, na que o apóstolo Santiago, pídelle en soños a Carlomagno que libere o seu Camiño, visite a basílica e sartego, anunciándolle como “...despois de ti irán alí peregrinando todos os pobos, de mar a mar, pedindo o perdón dos seus pecados”. Facermos o camiño a pé pisando a nosa terra, parolar coas xentes, irmos admirando a feracidade da natureza, cruceiros e petos, pontes, igrexas, santuarios e pazos, entrando na cidade do Apóstolo pola Porta de Mazarelos, descubrir unha fonte de rica auga e un significado monte ao que subir, o Pico Sacro que non chega a quiñentos metros de gran simbolismo xacobeo. Poñer a alma onde pisamos, pois que a levamos connosco, e rexeitar convertermos en turistas na nosa terra galega: velaquí o idea dos devanceiros da Xeración Nós, que camiñaron tres seguindo o mapa de Fontán no Ano santo de 1926, concluíndoa en abril do ano seguinte. “Unha das mais groriosas etapas da nosa vida”, dixeron. Daquela foi, en verdade, en tres de.

Te puede interesar