OS MAIOS 2018

O poeta olvidado dos Maios

<p></p>
photo_camera Amando Iglesias Moure, o poeta veterán.

Amando Iglesias Moure facíase chamar o "octoxenario solitario". Escribiu coplas para os Maios da cidade durante máis de sesenta anos. Despediuse porque non lle cumpriron unha promesa en 2010. Morreu hai un lustro

Os carrabouxos e as flores silvestres adornan a última coroa que Amando Iglesias Moure puxo para os Maios. Foi en 2010, ano no que dixo adeus á festa que agarimou durante máis de sesenta anos coas súas coplas. Tiña que coidar á súa dona, pero tamén un profundo pesar. Que despois de tanto tempo, lle romperan a promesa de ser xurado. O coplista máis veterán dos Maios morreu hai un lustro e quedou sen recoñecemento. No fondo local da Biblioteca Pública quedan tres reliquias. Tres coplas do que se fixo chamar "o octoxenario solitario".

"Son un solitario poeta frustrado que viñen cantar as coplas sin maio. Como non teño maio para cantar dentro, canto eiquí fora, como un cuco, contento", empeza unha do 1996. Cántalle á terra, a Ourense e aos emigrantes: "Todo-los fillos de Ourense que andan por o mundo andiante, a enerxía das burgas dalles forza de xigante".

Amando Iglesias Moure recibiu premios–máis ben mencións especiais–durante varios anos. Nas súas coplas houbo alabanzas a Auria, pero tamén críticas ao devir da historia. Co Plan Xeral, ca depuradora de Reza, co AVE e con algún "señoritiño" fixo poesía o octoxenario solitario. "Tódolos mandamais din que é xusto o que fan, pero como di o refrán, polas obras se coñecerán", cantou en 2009 para os ourensáns. Entón, tiña 85 anos e na mesma copla explica con ritmo: "Señores do xurado, como son o solitario, este ano soíño canto as coplas do maio. Porque a vida non se acaba o morrer se transforma, e teño que practicar para cantalas na outra".

Practicou un ano máis. En 2010, a última copla adquire un ton máis triste, pero cunha reivindicación máis persoal. "Iglesias Moure Amando fai mais de sesenta anos que compón en solitario, en Ourense, coplas e maios. E aunque ten o espirito xoven, o corpo teno cansado, con bágoas, door e pena despídese este Ano Santo".

Nese adeus que tanto lle pesou o poeta anónimo, esencia dos Maios, sae un poco da oscuridade. Preséntase. E fala das súas reivindicacións máis persoais. Amando Iglesias Moure naceu na Peroxa en 1923. Foi gran defensor do castelo do pobo, que si que se acordou del en 2016 cunha homenaxe e unha placa á súa labor. "Como iste ano despidome das coplas e maios, informo os ourensanos dun castelo abandonado. Na historica Peroxa teño a miña casa de campo e recordo a destrución do castelo de cando tiña sete anos. O castelo sigue a oscuras e xa o ivan alumear...", continúa o último maio do poeta máis veterán da festa.


Un ano máis tarde...


No 2011, Amando Iglesias enviou unha carta a La Región: "Esquecéronse de min porque para mortos e idos acabáronse os amigos (besta vella ós toxos). Un agarimoso saudiño/ a tantos apasionados/ das miñas coplas e maios/ diste vello nos anos/ e novo no espirito". Para anotar.

Te puede interesar