arte et alia

O regreso de ZETA

Varias das obras, a do medio, un cadaleito.
photo_camera Varias das obras, a do medio, un cadaleito.
Fondamente individualista, gusta de ir ao seu, e andar sobre os seus pés, por máis que na arte non deixe de ter lido e visto, e por conseguinte feito unha escolla

Retorna sen terse ido o artista, presente dende a súa silandeira vida onde o mundo se chama Bouzas, en Maside. Ata alí chega, a lene sombra do berce de Víctor Campio Pereira en Garabás, poeta falecido en Ourense fai un ano, que sentía a terra de Barbantes e o seu monte mítico, o San Trocado, como propia. Así tamén Abelardo Manuel Rodríguez López, o artista do que falamos, quen extrae de Dacón, onde naceu en 1948, o sentimento e a forza telúrica. Alcumado o ZETA no seu entorno, fixo do nome a súa bandeira na arte. Fondamente individualista, gusta de ir ao seu, e andar sobre os seus pés, por máis que na arte non deixe de ter lido e visto, e por conseguinte feito unha escolla.

Unhas ensinanzas sumarias en Vigo a comezos dos anos setenta contan como os inicios da súa praxe plástica. Nesta o debuxo e a pintura conforman unha primeira e ampla fase pictórica de proxenie figurativa, que vai virando cara a experimentación non figurativa abstracta cara o cambio de século. Son os anos en que amosa os seus traballos ao galerista José Souto, quen o encamiña cara diversos certames pola xeografía española. Así o fai dende os trinta e catro aos cincuenta e un anos, iter que deixa ás portas do 2000. Levaba bodegóns, paisaxes ou figuras para o certame de Arte xoven galego de El Corte Inglés en 1982; o IXº Premio Nacional Adaja de Pintura, Ávila, en 1988; o Premio Fausto Culebras de pintura, Cuenca, en 1991 e no mesmo ano o Premio Concurso Vila de Bilbao. E nos anos noventa acudiu a certames en Galicia, caso da Bienal de Arte de Pontevedra sección Novos Valores, en 1992 e 1994, e o IIIº Premio pintura Eixo Atlántico del Noroeste peninsular, Vigo, en 1999.

Esta é a súa segunda exposición individual, sendo a primeira en Ourense. Por elo ten un carácter de retrospectiva, relevante criterio dende o que podemos ver o camiño andado. Cando en 2010 fixo a súa última proposta artística neste espazo expositivo municipal da rúa Lepanto, o que se produciu trala doazón dunha obra en 2009, para o futuro museo, compartiu espazo e catálogo con Marcelino Lago. Ámbolos dous amigos amosaron un proxecto que titularon ‘Sen título’, sic!, nun paralelismo de compañeiros. O artista foi dende aquí coas súas obras á Casa de Galicia en Madrid en 2012, mostra xa individual, causando tal impacto na tradicional institución que chegaron a dicir que entrara nela a modernidade. A proposta principal da súa creación segue a ser a esculto-pintura elaborada dende o corcho branco e o polispán, semellando pedras, nunha inspiración que mantén a creatividade en equilibrio coa espontaneidade, sen perder a referencia expresiva dos pigmentos pictóricos. ‘Pintar é un pracer cando o que pintas eres ti, pero ten que ser aparte de plaxio, tedioso, si o que pinta é outro’, díxonos estes días afirmando a súa visión. O arume á Terra mollada pola historia é a esencia da emoción das súas obras, e un sentimento de seu neste outsider da arte ourensá. 

Te puede interesar