Obituario | Purificación Sánchez Alonso, o pan e a bica de Trives hoxe sabe a lágrimas

Purificación Alonso Sánchez
photo_camera Purificación Sánchez Alonso.

Purificación Sánchez Alonso, a Pura do Almendro, como todos a coñecemos na vila, finou o domingo aos 77 anos de idade, rodeada do calor e cariño dos seus. O funeral tivo lugar este luns 13 de xuño ás 19 horas na igrexa da Pobra de Trives e posteriormente recibiu sepultura no cementerio municipal acompañada de familiares e amigos.

Pura, natural da aldea de Vilanova (A Pobra de Trives), desde ben nova, rexentou, xunto co seu marido Paco, xa falecido, a panadería Almendro, que unha xeración antes abrira as súas portas a finais dos anos vinte e tivo actividade ata decembro de 1993 cando baixou definitivamente a súa persiana.

A muller do eterno sorriso, exemplo de muller dura e doce ao mesmo tempo, combinou toda unha vida adicada ao traballo con sacar adiante a súa familia, sendo un gran eixe entre seu marido e seus fillos, algo no que todos os que se achegaron a despedila coincidían en resaltar. 

Unha mirada que se iluminaba cada vez que falaba de seus netos, e un orgullo que mostraba cada vez que falaba de seus fillos.

Loitadora e defensora das mulleres, Pura foi membro fundadora do Orfeón Trivés, formando parte tamén do grupo das Macizas Centrais, onde os seus aturuxos enchían de felicidade ao grupo. Esta activa muller, ao mesmo tempo era parte do grupo de teatro da Caniceira, algo que a ela mesma lle encantaba e a mantiña activa, como recoñecía en cada ensaio. A asociación lembra o seu bo carácter e o humor que sempre sacaba facendo rir a todos os que estaban a seu redor, sendo unha auténtica profesional contando chistes.

Pura tivo tres fillos, e o máis novo, Francisco García Sánchez (Farruco), sempre estivo moi vinculado a vida social na vila ademáis de ser o actual director do Instituto de Ensino Secundario Xermán Ancochea Quevedo. El mesmo xunto a seus irmáns lembran a súa nai con ese sorriso que a todos encandilaba, proba dese recordo é o retrato que presidía o seu cadaleito.

Os últimos anos non foron os mellores para esta gran muller, xa que unha enfermidade foi podendo con ela, pero en ningún momento lle faltou o querer e o cariño dos seus, eses que ata o último alento lle fixeron later dun xeito especial o seu corazón.

Te puede interesar