arte

A obra icónica do galeguismo, unha "conquista identitaria"

desmontaje cuadro castelao
photo_camera Desmontaxe do cadro de Castelao na antiga biblioteca do Pazo Provincial, despois dun mes de exposición.

"A derradeira leición do mestre" volve á Arxentina tras recibir a sete mil visitantes no Pazo Provincial

"A derradeira leición do mestre" emprende o camiño de volta á casa, ao Centro Galicia de Buenos Aires. O cadro de Castelao que representa a morte do galeguista ourensán Alexandre Bóveda, e que puideron observar sete mil visitantes, sae da antiga biblioteca do Pazo Provincial logo dun mes formando parte da exposición "Castelao e Prada, irmaus!". Un "fito histórico" para a provincia, segundo valoran dende a Deputación de Ourense.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, cualifica de "conquista identitaria" a oportunidade de que a cidade acollese esta icona do galeguismo, que antes só se puido ver no Gaiás de Santiago de Compostela. 

A propia filla do mestre fusilado, Amalia Bóveda, confesou que en Ourense era a primeira vez na que podía observar "con detemento" o cadro no que choran a morte de Alexandre Bóveda en 1936. 

"A conquista identitaria" que subliña Baltar inclúe o feito de que "os ourensáns tivesen a oportunidade de ver esta obra, ademais, ao carón dos restos mortais de Rodolfo Prada e da súa dona, e con determinados obxectos cedidos polo Partido Galeguista como a bandeira coa que foron enterrados os últimos presidentes desta formación política e cunha edición orixinal de Alba de Gloria, o famoso e fermoso discurso de Castelao".

Baltar valora como "un éxito de todo Ourense" a cesión do cadro na cidade, conseguido "quizais pola importancia que ten o feito de que fora Rodolfo Prada quen lle encargase a Castelao no propio Centro Orensano da capital porteña que pintara e transformase en cadro un dos seus debuxos da serie de láminas que tanto fixeron por Galicia e a súa identidade". Vai máis alá e considera esta exposición e as súas circunstancias "unha das noticias máis salientables deste mandato 2015-2019". 


As circunstancias arredor do cadro: día da Galicia mártir


A circunstancia de que o cadro de Castelao se exhibise en Ourense e a reivindicación da familia de Bóveda para aprobar o Día da Galicia Mártir  mobilizou ao pleno da Deputación para instaurar a oficialidade deste día, o 17 de agosto. Baltar subliña a "alianza de colaboración estratéxica no ámbito da identidade" coa Fundación Alexandre Bóveda. 

Te puede interesar