Obras no miradoiro de Cabezoás, en Parada do Sil, permiten o acceso de minusválidos

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra vén de executar obras de mellora no miradoiro de Cabezoás, no concello de Parada do Sil, que en adiante permitirán o acceso a minusválidos sen necesidade de salvar escaleiras. O alcalde, Francisco Magide, considera, deste xeito, saldada unha vella aspiración.
O acceso ao miradoiro de Cabezoás está por fin adaptado a minusválidos, despois que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra aprobara á súa modificación. O alcalde do Concello de Parada do Sil, Francisco Magide, felicitouse ao ‘ver realizada, deste xeito, unha vella aspiración’.

O rexidor lembrou que ‘hai oito meses un veciño, dos moitos que acoden aos plenos municipais’, formulou a ‘necesidade de que na Ribeira Sacra se ofertara algún miradoiro que se puidese visitar sen necesidade de usar escaleiras’.

Atracción turística


Tal demanda foi recollida polo alcalde da corporación local, e trasladada ao Consorcio de Turismo que, segundo informou Fran cisco Magide, ‘vén de executala’, sendo o de Cabezoás ‘un dos poucos miradoiros que reúnen estas características’.

O rexidor enfatiza que entre as melloras practicadas non só se atopa o acceso para minusválidos, senón unha nova mesa interpretativa na que se salientan algúns dos recursos turísticos do concello e un mapa da situación dos mesmos.

Ao seu criterio, a reforma do miradoiro constituirá ‘sen dúbida’ un elemento capaz de atraer máis turismo ao concello de Parada do Sil, dinamizando esta parte da Ribeira Sacra.

Te puede interesar