ENTREVISTA

Oliver Laxe: “Sabiamos que tiñamos unha boa película nas mans dende que empezamos a filmar"

Oliver Laxe
photo_camera Oliver Laxe, na presentación de "O que arde" en Cannes.

O xurado de Cannes recoñeceu a Oliver Laxe, Premio Cidade de Ourense do OUFF 2016, por "O que arde", a súa terceira longametraxe.

O director con raíces galegas mira ao rural que esmorece dende a admiración polos personaxes. Amador e Benedicta, un pirómano que sae do cárcere e a súa nai, a única que o espera nunha pequena aldea dos Ancares.

Como se vive a primeira proxección en galego en Cannes?

Con moita ledicia polo traballo feito. Houbo moi boa enerxía, unha emoción que nos transcendeu a todos. De feito hai xente que non tiña nada que ver coa película que nolo dixo, que era algo especial.

Esperaba que a súa primeira rodaxe en Galicia acabase así, con esta repercusión?

Non, intento non proxectarme tanto. Fixen a película priorizando outras cousas. Cando queres facer un traballo esencial é moi fácil que o esencial hoxe en día quede fóra dos focos. Si que, dende logo, tiña confianza no traballo. Sabiamos que tiñamos unha boa película nas mans cando empezamos a filmar.

Que era o esencial?

Sobretodo a aceptación que teñen os personaxes. Que lles tocou vivir unha vida dura pero acéptana con dozura e con sabedoría. Hai algo moi galego aí que quería transmitir. O amor dunha nai co seu fillo e viceversa, como se coidan. Quería facer a película sobre a dozura galega.

Transmiten tenrura.

Son moi bonitos, si. Arrasaron en Cannes.

Ese momento de Benedicta bailando muñeira no photocall...

Non só iso. A propia película. Á xente encantoulle. Tanto ela coma el. Non estamos afeitos a ver unha muller así no cinema. Os actores non están tan conectados coa súa parte esencial como esta muller.

Como a descubriu?

Nun casting.

Pero sempre escolle a actores non profesionais.

Dame igual. Gústame a xente. Se me conmove, traballarei con el. Paréceme que a xente coa que estaba a traballar é xente con luz. 

Cando se falaba do proxecto por primeira vez, tiña medo a que xente esperase unha condena ao pirómano.

Bueno, non era tanto temor...Sempre tes que traballar coa opinión pública e contra ela. Na película precisamente chegamos á raíz dos problemas actuais. O despoboamento do rural, o desarraigo do rural, os lumes...E0stamos a tocar na fibra do que é o que perdimos. Penso que se tocan eses choques entre modernidade e tradición, entre o rural e o mito do progreso. De maneira sentida imos reconectar con esa parte esencial que temos os galegos. Nese sentido paréceme que a película é moi política porque abre o corazón da xente, faina máis consciente. Non sei se a miña película o logra, pero o meu compromiso como cineasta é ese. Se hai políticos, activistas e fiscais para meter a xente no cárcere, creo que os artistas temos que sacalos. Partindo da base de que todos teríamos que estar no cárcere, porque todos o poderíamos facer mellor. Todos podemos estar fóra do cárcere porque todos facemos o que podemos.

Xa se fixeron proxectos que tocan o tema do despoboamento rural no cine pero, que ten a súa mirada de diferente?

É que non é un tema. Son un cineasta, non un xornalista. Non tocas temas, tocas cousas que amas. A miña mirada a ese mundo é moi amorosa, moi positiva. Para min son heroes. Eu quero ser como Amador e Benedicta, son modelos, exemplos. A mirada é unha celebración da resistencia da xente que vive no rural, que é máis sana, menos enaxenada. Pese a todos estes cánticos de sirenas, eles seguen cos seus valores milenarios e sendo máis libres ca nós.

Que aprendeu deles?

E que non é un proxecto feito dende a dialéctica. Son de familia campesina, e os meus pais teñen o bo que teñen todos os galegos: o enraizamento. O que fixen foi recordar. Desaprender.

Unha volta as raíces?

Exacto. Hai que recordar o que xa está en nós. Hai que romper co mito do progreso, cada un que escolla que tipo de vida quere vivir. A min gustaríame ser coma Benedicta e Amador. 

E vivir nesa aldea?

Se podo escoller, si.

Cando veremos a película?

A finais de ano. Si que a presentarei en Navia de Suarna e quizais fagamos algo en Ourense, en agradecemento á axuda dos brigadistas. Queremos celebralo con eles.

Está invitado ao OUFF 2019.

Eu encantado. 

Te puede interesar