Os Maios

Os maios asaltan as redes

Sara e Pablo Bello co seu maio "O Muíño", en Allariz.
photo_camera Sara e Pablo Bello co seu maio "O Muíño", en Allariz.
A provincia non se esqueceu de darlle a benvida a primavera. En tempos de confinamento, os ourensáns trasladáronse ás redes con #Cantádemeunmaio: "A xente animouse e desbordámonos coa participación que houbo".

Os maios chegaron ás redes para quedarse. Nestes momentos, nos que o Paseo non puido encherse das tradicionais pirámides de construción vexetal, os medios en liña encargáronse de acollelas. Este domingo a festa comezou cedo a través do  cancelo #CantádemeUnMaio. "Dende primeira hora da mañá encontrámonos desbordados, a xente animouse a participar, logo xa se foron calmando", conta Lois Pardo, un dos organizadores desta iniciativa.

O enxeño agudizouse para que nas casas non faltasen maios nin coplas, cheas de retranca e sátira para celebrar esta tradicional festa. O confinamento foi o tema estrela, pero tampouco faltaron outros como o rañaceos ou o belén, protagonista do pasado Nadal na cidade. As Mozas da Ronda da Auriense non perderon a cita e repasaron a actualidade cunha copla retranqueira e reivindicativa. "Inspirámonos na realidade actual, falamos un pouco de todo", explica Eira Losada, que forma parte deste grupo. Ata as luces de Vigo estiveron presentes, xunto con todo o acontecido na cidade, que este ano deu "bastantes" temas dos que falar. Aínda que os verdadeiros protagonistas da súa copla foron os sanitarios, nunha defensa da sanidade pública.

20200503203649554_resultado

O blog de "Cantádeme un maio" foise actualizando ao longo do día, con todas as propostas que se enviaron. Os ourensáns dende a emigración non quixeron perderse esta cita co patrimonio cultural da provincia. "Recibimos o vídeo da copla dunhas pandereteiras galegas que residen en Inglaterra", destaca Pardo. A participación demostrou que a xente tiña "moita gana e necesidade" de non deixar pasar esta tradicional festa.  

Na rúa López Ferreiro, os seus "veciños confinados" saíron aos balcóns e ventás das súas casas para interpretar a súa copla. No colexio Vistahermosa, os estudantes sumáronse á festa con varias propostas nas que o confinamento e o coronavirus estiveron presentes. En definitiva, "Cantádeme un maio chegou" para quedarse. "Moi probablemente o faga como algo paralelo á celebración na rúa", afirma Pardo. 

Allariz súmase a festa

Maios tradicionais e enxebres, pero tamén feitos con refugallos, libros, legos e playmobil. O certame convocado polas redes socias dende a área de Cultura de Allariz superou todas as expectativas de participación, sobre todo pola premura do tempo. "A resposta foi boa, tivemos unha gran participación. Maioritariamente de nenos, dende moi pequenos de Infantil, pero tamén participaron varios adultos", resumía Carmen Vidal, técnica municipal, quen destacou a orixinalidade e creatividade das propostas presentadas.

20200503203648882_resultado

Ao vivir nunha contorna rural, os participantes aproveitaron a ampla variedade de plantas e flores para facer as estruturas, piramidais na súa maioría, pero tamén había propostas curiosas: unha casa, un pavo real, unha bolboreta o un muíño.Algúns dos participantes tamén se animaron a incluír algunha copla, na que no faltaron referencias ao confinamento a ás ganas de saír a xogar cos amigos.

Rebulir dende Ramirás

Na comarca veciña de Terra de Celanova, a asociación cultural Rebulir tamén lanzou a proposta de celebrar os Maios pola rede, cunha moi boa aceptación por parte dos integrantes do colectivo. En familia, elaboraron orixinais maios feitos con flores e xestas, e varias coplas que recitaron con moito ritmo para a cámara. 

Te puede interesar