REPORTAJE

Os veciños, o ouro de Loiro

"Colle o que queiras!", dixéronlle a Manuel Fernández cando foi polas casas desta parroquia de Barbadás para recuperar a historia do pobo. Fotos e cartas persoais conviven con tesouros da igrexa nunha mostra única que busca ser permanente

Disque por ser de Loiro un é pericudo. Como xentilicio informal, claro. "Na igrexa había unha cruz cunha perica, por iso nos chaman así", conta Manuel Fernández Pérez, que despois de 37 anos lonxe do pobo, volveu para recuperar a memoria de tódolos veciños desta parroquia de Barbadás nunha exposición que máis que fotografías antigas e aparellos de labranza, é unha xoia histórica e etnográfica que agora, ca colaboración da asociación de veciños, pretende configurarse como mostra permanente no local social.

"Despois de tanto tempo desconectado de Loiro, xubileime e volvín. Empecei a indagar na forma de vida dos veciños, recopilando información da miña familia, empezando polas árbores xenealóxicas. Despois fun ampliando o tema con fotos que a xente tiña esquecidas nos caixóns. Os veciños deixáronme entrar nas súas casas: 'Colle o que queiras!', dicíanme".

En caixas de trastes e baúles vellos, Manuel atopou tesouros como a carta que se cruzan en 1915 Claudio e Gumersindo Yáñez, pai e fillo separados pola emigración a Cuba no que o proxenitor lle da a bendición ao rapaz, que quedou en Loiro e casou con Benigna. Testamentos con vontades como o número de misas e de curas que un veciño quería no funeral ou libros antigos dos turnos de rega no campo lucen agora, grazas a disposición dos veciños, no local social no que so levan dez días e polo que xa pasaron centos de escolares para ollar en directo o significado da memoria colectiva.


Os tesouros da igrexa


Curioso é o caso da igrexa de Loiro, que forma parte da exposición. "Cando o cura deixou de vivir nela e marcha, en 1992, todo quedou abandonado", lamenta Manuel. Alí, na casa consistorial, atopou libros litúrxicos do século XVII, un túmulo funerario e unha talla en madeira ca imaxe de San Antonio de Padua. "A nosa igrexa é a máis antigua do concello de Barbadás", presume o impulsor do proxecto mentres anota outra anécdota do edificio relixioso: "No ano 1957 chegou un párroco novo ao que a igrexa se lle quedaba pequena. Quixo ampliala e para eso había que tirar cunha parte dela. Existen fotos do antes e do despois, no que traballaron os veciños para a súa reconstrucción", conta Manuel, que tamén se puxo en contacto ca familia do párroco para continuar as súas investigacións.


Elvira, a lavandeira


Palanganeiras, máquinas de coser, chancos de zapateiros, muíños de café, arados, pizarras e libros da antiga escola... O universo dos oficios tradicionais de Loiro é amplo e, como non podía ser doutra maneira, é un dos bloques da exposición á que non faltou ningún veciño. Moitos dos protagonistas, con nome e apelidos, xa non viven, pero son recoñecidos polos seus descendentes. Outros, si. Que llo digan a Elvira Fernández, que aos seus 97 anos conserva o mesmo espíritu co que posa lavando nunha das imaxes. Memoria viva.

Te puede interesar