ENTREVISTA | INCENDIOS

Óscar Rodríguez: "Os servizos públicos de extinción teñen moitas prazas que están sen cubrir"

OURENSE. 23.10.2017 CCOO ENTREVISTA A OSCAR BRIGADISTA FORESTAL FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Óscar Rodríguez González.

O presidente do comité de empresa de Medio Rural rexeita que haxa tramas organizadas, pide un mando único desde o servizo público para coordinar a prevención e extinción e rexeita a criminalización de colectivos

Houbo medios suficientes na vaga de lumes?

A Xunta baséase no Pladiga (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais) para dicir que había efectivos suficientes, pero minte, porque as propias brigadas públicas tiñan moitas prazas sen cubrir. Ademais, o Pladiga non recolle as necesidades concretas, porque é un corta pega todos os anos. Os reforzos de verán remataron o 30 de setembro e volveron ser chamados o día 11 de outubro. Foi unha improvisación total.

Houbo coordinación?

Pedimos que haxa un mando único, porque se non é moi difícil coordinarse. Agora está todo atomizado. Temos os medios da SPDCIF (Servicio de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais), que son públicos, e outros cos seus propios mandos como Seaga (empresa mixta), ou Natutecnia e Tragsa, ademais das brigadas dos concellos... Todas esas prazas deberían integrarse no SPDCIF. O que reclamamos os bombeiros forestais é máis carga de traballo, non unha suba do salario.

E a UME (Unidad Militar de Emergencias)?

A UME  non é efectiva nos labores de extinción, porque o máis importante contra o lume é o tempo de reacción. Ademais, son militares e teñen mandos propios e a descoordinación con eles é total.

Que solución propoñen?

Hai que avogar por un cambio na política forestal. Medio Rural debería sentar nunha mesa seria a todos os axentes sociais dunha vez.

O mantra máis repetido é que cómpre máis prevención...

Hai traballo para todos os efectivos dentro do SPDCIF durante todo o ano, porque para facer boa extinción hai que ter unha boa prevención. No corpo de bombeiros forestais hai unhas 2.000 prazas e xente que traballa 12, 9 e 3 meses. Hai marxe para que todos traballen todo o ano e incorporar os reforzos das empresas privadas. 

Quen queima os montes? 

É un perigo criminalizar colectivos. O que planta lume é un delincuente, e hainos en todos os lados. Non creo que haxa tramas; houbo xente que quería delinquir e esperou aos días axeitados.

Hai responsables políticos?  

Creo que hai un responsable directo, que é Tomás Fernández Couto (director xeral de Ordenación Forestal), porque está a levar a cabo as mesmas políticas que nos 90 e négase a dialogar. Debería dimitir, e como responsable subsidiaria, tamén a conselleira. 

Te puede interesar