CULTURA

O Festival de Cine premia co “Cidade de Ourense" ó cineasta Enrique Urbizu

A entrega do premio terá lugar o día 19 de novembro e no transcurso do acto proxectarase "La vida mancha", dirixida polo propio Urbizu en 2003.

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) decidiu outorgarlle na presente edición o premio "Cidade de Ourense" ao director e guionista Enrique Urbizu, recoñecendo así a súa traxectoria profesional. Segundo o comité asesor do certame, o cineasta vasco "ten consolidado un labor profesional destacado, que foi acadando metas máis ambiciosas conforme foron pasando os anos". A entrega do premio terá lugar o día 19 de novembro e no transcurso do acto proxectarase "La vida mancha", dirixida polo propio Urbizu en 2003.

Entre os seus traballos figuran historias de interese, ás que lles imprime axilidade no ritmo dentro de xéneros pouco utilizados polo cine español, e cos que se gañou o respecto da súa profesión.

A pesares da súa xuventude, conta cunha dilatada carreira cinematográfica na que colleitou numerosos galardóns, entre os que destacan oito premios Goya, dous deles en 2002 con "La caja 507" e os outros seis con "No habrá paz para los malvados" (guión, mellor dirección e mellor película). Ademais de cineasta, é profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid.

Os seus primeiros contactos co cinema foron a través da dirección de curtas. En 1987 dirixiu "Tu novia está loca", a súa primeira longametraxe, protagonizada por Antonio Resines e María Barranco, que dan vida a unha comedia de enredo. En 1991 dirixiu a tamén exitosa "Todo por la pasta".

Logo doutras películas e adaptacións, en 2006 converteuse en vicepresidente da Academia de Cine, como segundo da lista encabezada por Ángeles González-Sinde. Na actualidade ten practicamente lista "Silver of lead", rodada en Estados Unidos sobre a vida do famoso narco colombiano Pablo Escobar.

Te puede interesar