OUFF

O OUFF Escola recoñece unha curta sobre violencia de xénero

O certame creativo cumpriu dez anos reunindo aos rapaces gañadores no Auditorio municipal

A violencia de xénero nos institutos e nas casas, o medio ambiente, os oficios antigos, a amizade nas aulas ou a tenrura dos máis pequenos centraron as temáticas das curtametraxes premiadas no OUFF Escola, certame que fomenta a creatividade e o uso do galego entre os máis novos. Preto de 2.000 escolares de toda Galicia participaron no certame, e os colexios ganadores estiveron onte no Auditorio Municipal para recoller os premios desta décima edición, enmarcada no OUFF. 

Rapaces de centros educativos galegos invadiron o Auditorio para presentar os seus traballos, proxectos en equipo nos que traballaron durante todo o curso. O primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria foi para a curta "Agapito vai de viaxe" do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira, A Coruña). Os pequenos deste colexio teñen ata un canal de noticias, unha revista e un programa no que contan a actualidade do centro.

Non é a primeira curta que fan, ista céntrase no Parque das Illas Atlánticas. O segundo premio recaeu en "A gorra da sorte, do CPR Plurilingüe María Assumpta (Noia, A Coruña)". Dous rapaces danse conta de que a gorra que ten o "popular" da clase non é o máis importante, senón a amizade entre compañeiras.

 O Premio Blanco Amor ao mellor guión foi para "Medrando en dereitos", do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu, Pontevedra). Na categoría de secundaria, o primeiro premio de Outros niveis de ensino non universitario foi concedido ao IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña) pola curta "Deámoslles voz", un grito contra a violencia de xénero. O segundo recaeu en "Pulso", do IES Chan do Monte (Marín, Pontevedra). O Premio Blanco Amor ao mellor guión correspondeulle a "Mans salgadas, do IES de Foz (Foz, Lugo)", que retrata os oficios mariñeiros da contorna.



O audiovisual por un ensino innovador 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou na gala do OUFF Escola que estes galardóns "son unha mostra da creatividade e da capacidade da mocidade para expresar o que é, pensa, sente ou lle preocupa en lingua galega.

Valentín García animou no evento “a todo o profesorado a empregar o audiovisual como vía para un ensino innovador, atractivo e comunicativo da lingua propia de Galicia”.  A concelleira de Educación, María Teresa Rodríguez, salientou como esta actividade "saca a relucir a creatividade e a imaxinación dos nenos ademais de promover entre eles o uso do galego ao mesmo tempo que empregan as novas tecnoloxías". O proxecto convócano Concello e Xunta. 

Te puede interesar