Cultura

Miguel Anxo Fernández: “No OUFF teremos o virus a raia, xa sexa con cine matinal, a ceo aberto ou por streaming"

O Carballiño 30/7/19
Entrevista a Miguel Anxo Fernández ,OUFF

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Miguel Anxo Fernández, nunha foto do ano pasado. (Foto: Martiño Pinal)
"Ir ao cine é a actividade cultural máis segura que existe", din o director creativo do Festival Internacional de Cine de Ourense

Miguel Anxo Fernández segue loitando contra vento e marea á fronte do Festival de Cine de Ourense (OUFF). A pesar da pandemia, Fernández non podía faltar ao seu compromiso co audiovisual galego, sector cuxa precariedade intenta combatir, e menos nas bodas de prata entre a sociedade ourensá e este emblemático festival, que traspasa as fronteiras galegas. O OUFF 2020 regresa á cidade termal con propostas como o concurso contrarreloxo “Fas Muvis”, onde grupos de mozos compiten por realizar a mellor curtametraxe en tempo récord, e a obra de cineastas da talla de Ignacio Benedeti ou o ourensano Xabier Bermúdez.

Como é organizar un gran festival nunha situación tan atípica, co perigo dos rebrotes á volta da esquina?

O covid cambiouno todo, pero as actividades culturais son as que menos risco están a ofrecer e nós tiñamos claro que non podiamos renunciar a este 25º aniversario do festival de formato tradicional máis consolidado de Galicia. 

Cando deu comezo a preparación do OUFF 2020?

Levamos traballando nesta edición desde o remate da anterior, sempre coa colaboración da Fundación Carlos Velo, a Xunta e o goberno provincial. De feito, todo isto é posible grazas ao apoio decidido da Deputación, que salvou ao festival en 2018, e hoxe en día nos segue defendendo polo noso apoio ao sector audiovisual, que é o que peor o está pasando, coa temporalidade e a precariedade laboral como pan de cada día. O presuposto do OUFF viuse afectado pola pandemia, porque non todas as institucións e patrocinadores poden aportar o mesmo que antes, pero a cultura debe manterse viva. Nós en ningún momento contemplamos a posibilidade de suspender o festival. 

Que lle diría a aquelas persoas que están preocupadas pola situación sanitaria?

Nós ofreceremos garantías para desfrutar do espectáculo en plena tranquilidade, co virus á raia. Poden ocorrer moitas cousas ata setembro, porque a mobilidade do verán trae os seus riscos, pero o cine é a actividade cultural máis segura que existe, e imos aplicar todos os requisitos de aforo necesarios. Estamos barallando aumentar o número de sesións para facilitar a tranquilidade do espectador, coa novidade de sesións matinais cun aforo moi reducido. Incluso poderiamos ofrecer sesións a ceo aberto, e nun último caso existe a proposta de celebrar o festival por streaming desde os fogares. O virus chegou para quedarse, e estamos ante unha cuestión de responsabilidade social: debemos evitar un novo confinamento, que sería nocivo para a sociedade e a economía. 

Co cine máis accesible nun estremo e a vangarda noutro, onde situaría ao seu festival? 

Debémonos ao noso público, que é plural e diverso. Polo tanto, no OUFF conviven estas dúas tendencias e temos todo tipo de cine, incluso para os máis pequenos. O noso obxectivo é chegar tanto aos máis esporádicos como aos cinéfilos que demandan a máxima calidade. Neste senso, incluímos unha sesión, "Inédito en Ourense", con filmes que non foron expostos noutras salas ao non ser considerados rendibles. Tamén daremos entrada a moita producción galega, coa sección "Panorama Galicia".

No contexto actual de incertidume, como ve o futuro da industria cinematográfica? 

Xa falando como crítico e espectador, a situación é complicada. O noso sector depende de Hollywood a nivel internacional. As grandes esperanzas do verán eran "Mulan", adaptación do clásico de Disney, a derradeira cinta de 007 e "Tenet" (Christopher Nolan), pero a pandemia obrigou a aprazar a estrea das tres películas. O sector vaino pasar mal porque ten unha forte dependencia destes taquillazos, que nos primeiros días tralo estreno deixan moito diñeiro nas salas. E as multinacionais tamén están comezando a preocuparse, porque con 200 millóns de presuposto estás obrigado a recadar 400. Se continúan aprazándose grandes estreas, van coincidir a un tempo tres ou catro delas, e desde logo a xente, xa sexa por precaución ou debido á lei, non acudirá masivamente ás salas de cine. Moitas películas están estreándose directamente en Filmin ou Netflix, pero a industria perde moito polo camiño. Curiosamente, nestes días hai unha altísima demanda de contidos para ver na casa, mentres nos cines non se estrea nada.

Pode que a tendencia a consumir series no fogar termine por desprazar ás salas de cine?

Eu son consumidor habitual de ambos formatos, e teñen semellanzas pero empregan códigos narrativos distintos. Por exemplo, se unha escea dura cinco minutos nunha serie de Netflix, nunha película de cine terminaría en dous. E ao igual que no século XX houbo novelas por entregas, sempre convivirá a película de tres horas coa de 60 minutos e co formato serie. O más importante é un bo guión. Iso sí: non é o mesmo consumir contidos audiovisuais na casa que nunha sala. De feito, na miña opinión vai ocorrrer o contrario, imos quedar tan fartos de confinamentos que en canto se alcance a normalidade o público regresará con moita forza. Pero a industria debe cambiar certos plantexamentos, porque por 15 euros podes ver películas todo o mes desde Netflix, e nun cine esa mesma cantidade só che da dereito a desfrutar de dúas.


25 anos de historia ata a consolidación dun festival que xa non ten fronteiras

Desde a súa creación en 1996, o Festival de Cinema de Ourense ( OUFF) ten a aspiración de converterse no máis imporante festival audiovisual de Galicia. Ao longo da súa traxectoria, consolidouse como promotor do cinema de autor, mantendo o seu compromiso por ser un punto de encontro anual para profesionais do sector en Galicia, á vez que produce un importante retorno económico para a cidade. Este  festival parte do vínculo a provincia de Ourense e o cinema, lembrando a figuras como Carlos Velo e colectivos como o Cine Clube Padre Feijoo. Con estes antecedentes nace en 1996 promovido polo cineasta Eloy Lozano.

O OUFF é o certame internacional máis antigo de carácter competitivo que se realiza en Galicia. A súa difusión está a gañar importancia, principalmente na península ibérica. O festival busca potenciar a presenza na sección competitiva de primeiras ou segundas películas, e outorga un Premio ao Mellor Director baixo o nome do director ourensán Carlos Velo. 


Algunhas das propostas máis importantes do OUFF 2020

O OUFF 2020, que se mantén na data anunciada de 25 de setembro a 3 de outubro, presentará por terceira vez o concurso “Fas Muvis”, onde equipos de ata 5 mozos compiten por realizar a mellor peza audiovisual posible en 48 horas de gravación e 96 de montaxe. As súas propostas estarán relacionadas coa cidade de Ourense e durarán entre 3 e 10 minutos.

Entre as obras a proxectar, o ourensano Xabier Bermúdez encargarase de inaugurar o festival coa súa obra “Olvido y León”. Tamén estarán presentes “A metade da vida”, do director Raúl Veiga, que estreará unha nova versión remasterizada, e “Spitsbergen, o Gardián do Ártico” documental gravado en Super 8 por Ignacio Benedeti.

Na súa última edición, o festival acadou o maior número de espectadores da súa historia, resultado ao que espera achegarse de novo a pesar das dificultades deste ano tan atípico. 

Te puede interesar