O Festival de Cine, que comeza o venres, proxectará ata 188 películas ó longo de toda a semana

O OUFF varía de estructura para adaptarse ó orzamento

Diego González, Isabel Pérez e Francisco Rodríguez, onte na oficina do OUFF. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O Festival de cine de Ourense (14 a 23 deste mes) comeza este venres no Auditorio o seu cuarto lustro e faino coa estructura parcialmente renovada, obrigada pola reducción orzamentaria.
Nesta XVI edición o presuposto acada os 400.000 euros, 100.000 menos que en anteriores ocasións, e iso nótase na práctica da programación. Á reducción do horario das sesións súmase a supresión dos premios especiais, deixando o total dos galardóns en 18. O obxectivo, con todo, foi o de manter a calidade porque, segundo insistiu a concelleira de Cultura e presidenta do Consorcio do festival, Isabel Pérez, 'o pobo é quen máis ordea'. Nesta variación estructural, cambia tamén a ubicación dos encontros cos medios de comunicación, que se trasladan ata a oficina de turismo, 'coa idea de vencellalo co cine', sinalou Pérez. No intento de responder ás inquedanzas do público, a concelleira salientou a introducción dun ciclo adicado á comedia, un xénero cinematográfico 'moi demandado'.

Así se pronunciou Isabel Pérez na presentación do XVI Ourense Film Festival (OUFF), na que estivo acompañada polo alcalde, Francisco Rodríguez, e o voceiro do certame, Diego González. Deste xeito, xa tomou corpo un festival ó que optaban un total de 1.954 títulos procedentes dun cento de países. Deles xurdiron 188 películas que se ofrecerán en cinco seccións oficiais, ciclos temáticos e outros especiais, que se proxectarán no Teatro Principal e incluirán traballos testemuña da historia galega. 'Barreiros, o Henry Ford español' ou 'El perro azul, vida e obra de Xaime Quessada' son só algúns dos títulos.


COMPROMISO E CALIDADE

Ademais de servir como 'elemento de difusión económica' para a cidade, o OUFF quere ser escaparate dos títulos que trascenden ás canles habituais. 'É curioso, pero temos máis público que moitas proxeccións comerciais', precisou Isabel Pérez. A meta, ó final, é a de 'ofrecer o mellor do panorama internacional' presentando unha 'programación coherente, comprometida e de calidade'.

Pola súa banda, o alcalde ourensán sinalou que 'o reto máis difícil dun proxecto é a continuidade' e o festival de cine converteuse nun 'encontro de referencia para o audiovisual galego', segundo afirmou Rodríguez. Na súa intervención, quixo deixar clara a 'aposta por manter o certame, con todo o que iso significa'. Xa por último, Diego González explicou a importancia de que o público se implique co OUFF. De aí, a campaña publicitaria deste ano, que leva como lema 'Tócache!'. Trátase dun 'reclamo directo ó público' para que poidan 'gozar das películas' propostas pola organización. As facilidades para os espectadores no certame audiovisual incrementaranse nesta ocasión. Xa non só piden a súa participación coa asistencia ás salas de cine, senón que ademais, poderán estar informados do que acontece en todo momento gracias a dous blogs elaborados pola xornalista Rebeca Baceiredo e o crítico de cine Pablo Salgueiros. Xunto a isto, a web do festival incluirá un apartado dedicado á plataforma Twitter e, por último, os dispositivos móbiles que dispoñan de sistema Android ou pertenzan a Apple contarán coa posibilidade de descargar unha aplicación con infromación relacionada co OUFF.

Te puede interesar