COOPERACIÓN SOCIAL

Unha ourensá achega ó mundo a realidade social de Marrocos

photo_camera Antía Otero (de pé, a segunda pola esquerda) visita a unha pintora da zona rural de Berkane.

Antía Otero: "Se non informamos dos proxectos que se levan a cabo, a repercusión será moito menor" 

Recén chegada de Marrocos, a comunicadora Antía Otero volveu da súa viaxe coa percepción cambiada. Agora, a ourensá é firme á hora de manter que estar en contacto directo coas persoas que traballan para eliminar as desigualdades sociais e coas que as sufren axuda a coñecer de primeira man a realidade e comunicarlla ó resto do mundo. "Esa é, ou debe ser, a nosa función; que en todos lados se saiba o que, en que e como se está traballando para o desenvolvemento".

Otero, acompañada por outras dúas mozas, chegou a Nador como recompensa por ter participado no V Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional, organizado pola Asociación Galega de reporteiros Solidarios e a Asemblea de Cooperación pola Paz. O traballo de campo da formación consistiu nunha viaxe de oito días cos que se pretendía a sensibilización dos comunicadores para contribuir a conseguir un mundo máis xusto. E así foi.

"Eu, como comunicadora, síntome coa responsabilidade de difundir. Se non se conta o que se está facendo, a repercusión é moito menor. E iso é preciso facelo a pé de campo", explica Otero. En esa línea, apunta que "se ti tes que informar de algo que estas vendo cos teus propios ollos, o teu papel vai ser moito máis comprometido".

A pesar de que esta xove partiu con información dabondo do que se ía atopar, "ao chegar alí rompes con todos os esquemas". Otero remata dicindo que trae con ela moitas historias, pero, sobre todo, "moitas ganas de contalas". Agora é tempo de "loitar contra esa debilidade do xornalismo social, ben sexa en Marrocos como no resto de países do mundo", engade.

Te puede interesar