Provincia

Ourense acada xa os 64 concellos emprendedores

Coa adhesión de Celanova, Castrelo de Miño, Manzaneda e Muíños, a provincia suma case tantos municipios á iniciativa como o resto de Galicia

Un total de 64 municipios da provincia xa son Concellos Emprendedores trala adhesión de Celanova, Muíños, Castrelo de Miño e Manzaneda. Con esta distinción, súmanse ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica.

Galicia conta actualmente con 140 Concellos Emprendedores, 64 deles na provincia de Ourense. Son 36 na Coruña, 18 en Lugo e 22 en Pontevedra. A Xunta defende que o seu obxectivo é "implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais". 

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia. A Xunta está a dar prioridade aos Concellos Emprendedores en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento baseado na innovación e no talento. Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO. 

Te puede interesar