Tribuna

Ourense avanza na lusofonía

[O autor é Empresário e secretário geral da Associação Impulsora da Casa da Lusofonia. Foi porta-voz da ILP Valentin Paz Andrade]

O 24 de marzo de 2014, hai sete anos, despois de ser aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, foi publicada no DOG a Lei 01/2014 para o aproveitamento da língua portuguesa e vínculos coa lusofonía, tamén coñecida como Lei Valentín Paz Andrade, pois foi a inspiración empresarial e reintegracionista deste galeguista a que impulsou a Iniciativa Lexislativa Popular que, despois de colleitar mais de 17.000 asinaturas censadas e manuais, fora tamén unánimemente tomada en consideración polo Parlamento de Galicia. O Director Xeral de Política Linguística recentemente destacaba o feito de que o portavoz no Parlamento fose un empresario, e non un linguista nin un político, o cal dá idea de como tiña que ser a base dos novos consensos e do percorrido desta lei.

(José Paz)

Efectivamente, os empresarios aportamos consenso. E o consenso foi clave non só na xestación e aprobación da lei. Tamén para o seu desenvolvemento é requerida xenerosidade política, profesionalidade, realismo e intelixencia pragmática. É máis fácil encontrármonos nese camiño que movéndonos por emocións e entelequias subxectivas. Iso é o que significa economía: coidado da casa, sendo esta un espazo físico onde se comparten as relacións de cooperación e responsabilidade. A actividade dos emprendedores, as capacidades económicas e tecnolóxicas para cultivar bens e aumentar a riqueza, están orientadas tamén ao desenvolvemento soclal.

Un dos obxectivos da Lei 01/2014 é a participación de Galiza nas organizacións internacionais de língua portuguesa. A respeito deste ponto, temos que considerar dunha parte que xa había organizacións na lusofonía con presenza galega, especialmente no mundo da empresa e o traballo. Doutra parte, no que visa á participación directa do goberno en entidades supranacionais, é sabido que a arquitectura institucional na que nos movemos reserva para o goberno central todas as competencias de representación internacional. Aínda hai que ter en conta un elemento mais para considerar as relacións de Galiza na lusofonía: as tendencias políticas e de dereito dos asuntos estranxeiros, tanto de España como de Portugal, levan a que sexa no marco da Unión Europea onde se tracen as liñas mestras e de coordinación con terceiros países.

Con todo, o papel das administracións locais e autonómicas non é menor, pois chegan a capilares sociais e económicos, especialmente as pequenas e medianas empresas, que son a maioría do tecido empresarial na Europa. Esta liña de relacionamento internacional estaría mais ben situada no concepto que o profesor Wesley Sa Teles Guerra, Investigador do Observatorio Galego da Lusofonia, define e explica perfectamente no seu libro “Cadernos de paradiplomacia” (2021). 

As casas do Estado son o lugar onde actúan conxuntamente diplomacia e paradiplomacia. Por iso, antes de que o localismo das cidades da AP9, e o isolacionismo e o exclusivismo desen lugar a unha solución salomómica por parte do goberno do Estado (levar a Casa da Lusofonia a outras comunidades autónomas menos cainitas) a Deputación de Ourense tivo o xesto e a iniciativa boa e xenerosa de se comprometer co futuro do país enteiro, situando, -como é de xustiza- Ourense no lugar que historica e xeograficamente lle corresponde como impulsora hospitalaria e aberta da Gallaecia, diamante de moitos brillos (en expresión do ensaísta Antón Baamonde), tamén os do interior.

Foi con efeito a Galiza interior a sede das últimas dinastías comúns galegas e portuguesas dos Borgoña, e antes o centro dos “conventi” que deram lugar ao Reino da Galiza e deste ao de Portugal. En Ourense están situadas as grandes empresas e cooperativas da alimentación, as mais das denominacións de orixe vinícolas galegas e balnearios que sen dúbida van marcar o rexurdir da hostelaria de calidade despois da pandemia.

Para alén de ser Ourense a provincia con maior extensión de fronteira con Portugal, é a ponte cara á euro-rexión alargada en León e Extremadura, unha das mais intensas en intercambios da Unión Europea. A nosa identidade e o noso idioma propios son orixe e parte dos idiomas e culturas dos países de lingua oficial portuguesa, e as nosas empresas teñen Portugal como principal parceiro internacional.

Por iso, estando na Galiza a sede material, a Casa da Lusofonía vai beneficiar a todas as nacionalidades e rexións de España, e ao ideal da Unión Europea.

Desde a Associação Impulsora estamos a reunir os consensos políticos e territoriais que só desde a sociedade civil e a neutralidade poden ser edificados, e tamén estamos a crear a rede de empresas e institucións que facilite a estas internacionalizarse en toda a lusofonía. Mentres se concreta o consorcio entre administracions e a posta a disposición da primeira sede material, os nosos asociados poden xa facer os seus productos e servizos negociabeis nos mercados internacionais de lingua portuguesa.

A lusofonia ten unha importancia xeopolítica que trascende intereses específicos. Vai ser parte fundamental da refundación do sistema de gobernanza mundial. Establecer nos anos vindeiros unhas relacións de cooperación e alianzas sólidas entre os bloques económicos dos EUA, a UE e a China vai marcar o destino de moitas xeracións. E a lusofonía vai ser unha peza clave para que as mudanzas desemboquen en estabilidade xeopolítica. Por caso, Brasil xa é a maior economía de Iberoamérica, e Angola en menos de vinte anos será a grande potencia africana. 

No que respeita a Asia, na Rexión Autónoma Especial de Macau, no surleste da China vigoran, polos tratados de devolución da ex-colonia, as leis portuguesas e portanto as da Unión Europea. Máis aínda: nesta cidade, unha das mais ricas e desenvolvidas do planeta, o portugués é língua oficial, o cal lonxe de ser un problema para o goberno central chinés ou un asunto de “respecto e protección de minorías” é un activo de primeira orde para o lexítimo desenvolvimento económico dese país. Eis un primeiro aspecto onde o galego-portugués e as demais línguas de nacionalidades da Península poden ser para todos os seus cidadáns unha vantaxe competitiva nun mundo globalizado e internacionalizado. Hai ainda outro aspecto que debemos colocar en perspectiva ao considerar Macau. Esta cidade autónoma é a sede permanente do Fórum para a Cooperação Económica e Comercial entre a China e os Países de Língua Portuguesa, este si integrado só polos países de lingua portuguesa e cuns obxectivos e orzamentos claros de desenvolvimento e investimento. 

Só os ministros de Exteriores destes países participan nas decisións. Sen embargo, as relacións que se abriron coa sinatura do convenio da Deputación de Ourense e a Associação Impulsora da Casa da Lusofonia descobren para toda Galiza e toda España e Europa unhas oportunidades históricas na interlocución paradiplomática con esta cidade autónoma e co Fórum Macau configurando un encontro dos Camiños de Santiago e da nova Ruta da Seda, e portanto entre as novas grandes potencias económicas do mundo.

Te puede interesar