IDIOMA

Ourense non conta na lea da RAG

chus_pato_700x400_result
photo_camera Chus Pato, nunha lectura poética.

Dos 28 membros da Real Academia que elixirán ao novo presidente, dez naceron na Coruña e outros dez en Pontevedra, sete en Lugo, un en Madrid e a chamada Atenas Galega non terá representación.

Mentres os académicos afían as letras para afrontar a sucesión de Xesús Alonso Montero na presidencia da RAG, Ourense non terá voz nin voto neste proceso. A chamada Atenas Galega ou berce da Xeración Nós non conta agora na lea da Academia logo da renuncia de Méndez Ferrín como presidente e membro de número en marzo de 2013 e o falecemento de Xosé Fernández Ferreiro en decembro de 2015.

Á espera de ler o seu discurso de ingreso atópase a poeta ourensá Chus Pato, que ocupará precisamente a cadeira que deixou vacante Fernández Ferreiro, pero non ten intención de facelo ata que alborexen novos tempos na casa da lingua. "Paréceme prudente adiar a lectura do discurso ata que a nova directiva estea asentada e disposta a recibirme", comenta Chus Pato cun ton retranqueiro. Está en prazo porque un académico electo ten seis meses para facelo e pode solicitar dúas prórrogas.

Como a poeta non ten présa por entrar e Méndez Ferrín está en fóra de xogo ou nunha situación que nin na Academia son quen de explicar á primeira, xa que na páxina web non aparece como membro do pleno que acordou non cubrir a súa vacante, a elección do presidente da RAG non pasa por unha provincia maioritariamente galegofalante e cunha fonda achega á cultura do país. Dos 28 membros que elixirán ao novo presidente, dez naceron na provincia da Coruña, outros tantos en Pontevedra, sete en Lugo e un en Madrid. "Penso que na Academia non hai que entrar por cuotas provinciais, senón polos méritos que consideren os académicos que propoñen a candidatura", comenta Chus Pato. "Pero dito isto, se como sinala vostede só está un, quere dicir que hai un déficit e que o peso de Ourense non está ben representado", engade.

No departamento de comunicación da Academia non levan a conta do lugar de nacemento de cada un dos membros que debaten sobre a lingua na coruñesa rúa Tabernas, aínda que non poñen en dúbida os datos. "Xesús Alonso Montero exerce sempre de ourensán de Ribadavia, malia que naceu en Vigo", aclaran. "E ademais o Día das Letras está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares".

LETRAS XIGANTES

A pegada creativa de Ourense é incuestionábel con figuras en letras xigantes como Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco ou o mesmo Méndez Ferrín, entre tantos outros. Pero tamén é lóxico que nos últimos anos a provincia da Xeración Nós poida sentirse orfa de recoñecemento pola familia da cultura galega porque o talento non desapareceu e hai xente con acreditados méritos para estar nos centros de decisión.

Hoxe a Real Academia celebra un pleno ordinario para concluír o mandato de Alonso Montero. A renuncia precipitada de Méndez Ferrín, acusado de nepotismo, deixou feridas na centenaria institución que non cicatrizaron. Os estatutos da Academia dan un prazo de seis meses para elixir a un novo presidente, pero o equipo que asume o mando en funcións pretende facelo no mes de abril para que o novo equipo teña tempo para preparar unha data tan sinalada como o Día das Letras Galegas.

A presentación de candidaturas pódese facer ata 48 horas antes da data que se fixe para realizar a votación. Aínda que ningún académico levantou a man ata o momento, Víctor Fernández Freixanes aparece no ruxerruxe que se escoita en Tabernas acompañado de Henrique Monteagudo, o actual secretario. Outro nome que soa é o de Margarita Ledo, no caso de que os académicos crean que xa é tempo de que unha muller asuma o mando da institución. A finais do mes pasado, Xosé Luis Axeitos, secretario con Méndez Ferrín, denunciou na Radio Galega que a Academia "está envilecida e secuestrada". Anúnciase unha pelexa na que os homes das letras terán que perder plumas nun proceso no que Ourense non conta. 

Te puede interesar