TURISMO

Ourense quere gañar peso no futuro da Vía da Prata

Presentación do estudo do análise do pontencial do Camiño de Santiago. Interveñen José Luis Valladares (Alcalde de Cea), Melchor Fernández Fernández (Director do IDEGA), Agustín Hernández Fernández (Presidente do Consello Económico e Social), Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) e Román Rodríguez González (Conseleiro de Cultura e Turismo).
Un estudio da USC manifesta o potencial desta ruta como axente dinamizador da provincia. Entre as medidas propostas, reforzar a cidade de Ourense como punto de saída de peregrinos

A Deputación de Ourense, o Consello Económico e Social de Galicia e a Universidade de Santiago presentaron no Mosteiro de Oseira un estudo sobre o potencial da Vía da Prata para o desenvolvemento sostenible a escala local.  O estudo realizado polo Grupo de Análise e Modelización Económico do IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela presentou as propostas de mellora para potenciar a ruta da Vía da Prata. Estas propostas están orientadas á mellora da coordinación entre os diferentes axentes.

As medidas pasan pola creación dunha ferramenta de planificación e dirección estratéxica, un plan de formación sobre o Camiño e un plan de comunicación. Neste sentido, a Deputación poñerá en marcha o centro de interpretación da Vía da Prata. "Queremos dotar dun lugar de referencia que fale da historia do camiño e das posibilidades e potencial do mesmo", comenta Manuel Baltar. O presidente da Deputación destacou a importancia da colaboración entre as administracións e a posta en valor da Vía da Prata para contribuir ao desenvolvemento do turismo da provincia. "A Vía da Prata é un dos camiños que transcorre pola nosa provincia que lle dota dese carácter internacional polo que temos que procurar e mellorar todo aquilo que repercuta no desenvolvemento e posta en valor do seu cometido", destaca o propio Manuel Baltar. 

Colaboración entre CCAA

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións ,Román Rodríguez  explicou que a Xunta de Galicia está traballando en colaboración co resto de Comunidades Autónomas polas que pasa a ruta da Vía da Prata "para acordar medidas e concertar os pasos a dar e potenciar a ruta como axente dinamizador".  Outros dos obxectivos que se contemplan a partir deste estudo de investigación sobre a Vía da Prata é "promover a cidade de Ourense como punto de inicio para os peregrinos con limitación temporal, e un plan de apoio aos investimentos tanto para pequenas e medianas empresas como para autónomos que impulsen novos produtos e novas tendencias", explican entre as conclusións.

A Ruta da prata potencia o carácter internacional da provincia

O conselleiro de Cultura e Turismo fixo un repaso polos investimentos realizados pola Xunta desde o ano 2019 na ruta da Prata e os compromisos adquiridos que permitan "avanzar a paso lixeiro para chegar nas  mellores condicións posibles ao vindeiro Xacobeo 2021". Explicou que se intensificaron os traballos no eido da sinalización cun investimento de máis de dous millóns de euros e lembrou que esta conta por primeira vez cun plan de mantemento propio dotado de 1,6 millóns de euros para todos os concellos da zona. 

As propostas deste estudo tamén definen un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria, así como a mellora da integración paisaxística nos tramos urbanos das respectivas comunidades autónomas.

Neste contexto Manuel Baltar lembrou que estas propostas se enmarcan dentro do obxectido da Deputación "de albergar en 2023 o Congreso Internacional de todas as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago". 

Te puede interesar