homenaxe

Clamor por un Día da Galicia Mártir oficial e “reparador"

Deputación e Fundación Alexandre Bóveda conmemoran cunha mesma voz esta data reivindicativa

Un chamamento unánime para que o Parlamento de Galicia institucionalice o 17 de agosto en memoria e homenaxe das persoas represaliadas ou exiliadas na súa defensa da democracia e os dereitos autonómicos do pobo galego.  Iso foi o que se viviu este sábado na rúa Barreira da cidade, fronte á casa natal de Alexandre Bóveda, no primeiro Día da Galicia Mártir que celebra Ourense, auspiciado pola Deputación, cuxo presidente, Manuel Baltar, fixo unha acendida defensa da necesidade de fixar este día como festividade en lembranza daqueles que pagaron coa súa vida a defensa da democracia.

"O noso obxectivo, despois de tomar en consideración a solicitude da Fundación Alexandre Bóveda, é contribuír a que o Día da Galicia Mártir sexa unha data oficial no calendario galego para que a memoria histórica sirva de ensinanza cívica e patriótica ás novas xeracións", sinalou no discurso Baltar.

O emotivo acto en lembranza de Bóveda contou coa presenza da presidenta da Fundación Alexandre Bóveda e filla do intelectual, Amalia Bóveda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o tenente de alcalde, Jorge Pumar; e os vicepresidentes da Deputación Rosendo Fernández e Armando Ojea, ademais  de membros da sociedade ourensá ou o Partido Galeguista.


Chamamento de Baltar


O presidente provincial lanzou un chamamento "a todas as forzas políticas" para "facer esforzos, reparar erros e avanzar". Nese senso, lembrou que a Galicia que Bóveda imaxinou "aínda é posible", e que  acadala "depende de todos nós". E fíxoo nun histórico berro lanzado desde a cidade "na que aconteceu a súa curta pero intensa vida". Porque o camiño dos mártires, como ben sinalou a súa filla Amalia,  foi sempre "xusto e honrado", e foi sempre unha ollada "cara adiante e cara o futuro", un futuro agradecido por "querer saber e poder saber". 

"Un crime covarde, un vil asasinato burdamente enmascarado cun xuízo falso". Así definiu Baltar o sucedido aquel verán de 1936, que HOMENAXEacabou coa vida de Bóveda e outros persoeiros que defenderon, no só a legalidade da República, senón a do Estatuto de Autonomía. 

Dixera o ilustre Castelao que "non enterran cadáveres, enterran sementes". Mais a que deixou Bóveda segue presente. A constatación "máis evidente"  que xustifica o Día da Galicia Mártir é que "esa semente, lonxe de morrer, foise anovando cos tempos e os acontecementos", quedando demostrado no feito de que o pleno da Deputación do 29 de marzo de 2019 aprobou por maioría instar á Xunta, a través do Parlamento, a institucionalizar "unha data histórica e con fonda significación no devir político e social de Galicia, unha reivindicación centrada e galeguista, cun galeguismo sen adxectivos cualificativos, por riba de todo, e dende Ourense". 

Alexandre Bóveda, motor do galeguismo dos anos 30, é Fillo Predilecto da provincia desde o 2001, e ten sido homenaxeado en moitas ocasións pola sociedade ourensá, ao igual que polo Concello da súa cidade natal,  polo cal esta reivindicación non trata de "demostrar a ourensanía", explicitou Baltar. Tampouco a move a xustificación  dnha celebración que naceu no exilio, no Centro Ourensano de Bos Aires. 

“Temos un vieiro claro"

O obxectivo é simple: que o Día da Galicia Mártir sexa unha "data oficial" no calendario festivo galego, co obxectivo de preservar a memoria nas novas xeracións. "Temos un vieiro claro, sabemos onde estamos e cara a onde imos", engadiu Baltar. 


Amalia Bóveda: "Pasaron 83 breves anos de longa loita e aquí nos ten, meu pai"


"Pasaron 83 breves anos de longa loita, e aquí nos ten, meu pai. Nunca borramos as pegadas deste camiño". Emocionada, coma sempre, Amalia Bóveda Álvarez fixo unha ofrenda floral, acompañada dunha mesta representación política e social das sociedades galega e ourensá, no busto de seu pai, na rúa da Barreira que viu nacer ó intelectual. 

"Xustiza, verdade e reparación". Son as tres máximas que a presidenta da Fundación Alexandre Bóveda marcou como irrenunciables durante o seu discurso. "Xa non precisamos agromar, agora medramos como a razón da nosa fe", manifestou. 

Na mesma liña de Manuel Baltar, reafirmou que a semente que deixou o loitador Alexandre "non é o pasado, é o presente", e comprometeuse a seguir construíndo un "futuro no que a verdade se impoña á mentira". 

O evento contou coa participación sempre extraordinaria da Coral De Ruada, que fixo unha sobria interpretación de "Ourense ao Lonxe", de Manuel de Dios; e do himno ourensán, "Ouernse no Solpor". Para rematar o acto, a agrupación coral interpretou o himno galego, nunha longa.

A filla do homenaxeado rematou o evento agradecendo á Deputación e ao seu presidente esta iniciativa, para que sexa debatida no Parlamento. 

Te puede interesar