TURISMO

Ourense rexistra, no que vai de ano, case 4.000 visitantes máis que no mesmo período de 2016

Ourense. 23-08-16. Local. Reportaxe de traballos ao sol na cidade de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Imaxe de arquivo da rúa do Paseo.

De todas as persoas atendidas na Oficina de Turismo en 2017, 25.000 visitaban Ourense por vez primeira

A Oficina de Turismo do Concello de Ourense atendeu este ano un total de 34.827 visitantes, cifra que supera en 3.822 as persoas atendidas no mesmo período de 2016. Turistas, visitas guiadas e persoas que se achegan a Ourense por “outros motivos” compoñen o total dos visitantes que pasaron polas dependencias municipais da rúa Isabel a Católica.

“As políticas postas en marcha desde o Goberno Municipal para posicionar a Ourense como destino turístico van dando os seus froitos. Continuaremos co empeño de proxectar a imaxe de Ourense como o plan perfecto que é, para seguir medrando e mellorando neste senso”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez

No caso dos turistas, a diferencia amplíase ata os 3.929 dun ano para outro, pasando dos 24.696 atendidos en 2016 aos 28.625 en 2017, destacando especialmente o apartado dos que visitan Ourense por vez primeira: un total de 24.869 até o mes de outubro, segundo as estatísticas municipais.

A procedencia destes visitantes segue a ser, maioritariamente, de orixe nacional. Así, o 85% das persoas atendidas na Oficina proviñan de comunidades como Madrid, Castela e León, Asturias ou Andalucía, por esta orde. De entre os galegos, son os coruñeses os que máis nos visitan, seguidos dos lugueses e, en último lugar, os pontevedreses.

O turismo internacional, que supón un 15% das consultas na Oficina de Turismo, procede principalmente de Francia, Portugal e Alemaña. Porén, a lista de países desde os que chegan turistas a Ourense amplíase a 83: europeos (36), americanos (22) e do resto do mundo (25).

Monumentos, termalismo, recursos dentro da mesma provincia e gastronomía son as principais catro preguntas que realizan todos os viaxeiros na Oficina.

Ourense no camiño a Compostela

Os peregrinos tamén son parte das estatísticas da Oficina de Turismo. En total, son 1.104 os que pasaron para preguntar cuestións relativas ao camiño. Proceden, sobre todo, do resto de España (631, principalmente de Aragón, Andalucía e Madrid) e de Europa (375, sendo xermanos, franceses e ingleses os máis activos).

Cómpre salientar, tamén, os 30 estadounidenses e os 20 australianos que pasaron por Ourense de camiño a Santiago de Compostela.

Te puede interesar