Ourense, un urbanismo construído pola súa historia

A cidade de Ourense a finais do s. XIX (plano publicado en 1905).
photo_camera A cidade de Ourense a finais do s. XIX (plano publicado en 1905).


Se tivera que resumir a evolución da cidade de Ourense dende que naceu, alá pola segunda metade do século I d. C., ata o crecemento que propiciaron os ensanches do século XX, faríao apoiado en catro grandes feitos e procesos históricos que lle deron a fisionomía urbana que agora ten: un nó de comunicacións, as fontes das Burgas, a creación da sé episcopal e a categoría de capital de provincia. E todo iso, combinado coas posibilidades económicas do entorno no que se empraza.

O asentamento primixenio, entre a praza da Madalena e O Posío, e entre As Burgas e as proximidades da praza do Sal, forma parte do Val de Ourense, un nó de comunicacións esencial para organizar o trazado das vías romanas no noroeste. Tanto se inicialmente foi unha ponte monumental -cuxa cronoloxía aínda se discute- como outra forma de salvar o Miño, os romanos elixiron este lugar para crear a cidade.

Pero non nas beiras do río, se non máis ao interior, onde existían unhas fontes nas que manan augas quentes, capaces de curar e, o máis importante, unhas augas sagradas, nas que moraba un deus antigo, prerromano -Revve Anabaraego-, que seguramente veneraban os galaicos que séculos antes habitaban os castros deste val. A cidade vaise afianzando baixo a administración de Roma e acaso baixo a protección do referido deus das Burgas. Así, século tras século, consolídase progresivamente con altibaixos provocados por crises e cambios históricos relevantes: o fin do imperio romano, a expansión do cristianismo ou a irrupción dos pobos bárbaros coa creación do reino suevo.

Temos a certeza de que no século VI Ourense era sé episcopal, se ben algúns investigadores a remontan ao século V, mesmo a finais do IV. O segundo fito fisionómico de Ourense despois da fundación foi como consecuencia da creación desta sé diocesana, que vai levantar progresivamente un complexo formado por edificios entre a catedral actual e o pazo episcopal -hoxe Museo Arqueolóxico- núcleo que modifica e reorganiza o plano da cidade dende a Idade Media, centrándose dende entón ao redor desa “acrópole episcopal” que vimos definindo en sucesivas publicacións.

Na Idade Contemporánea e coa división territorial de 1833 de Javier de Burgos, España se organiza en provincias, e a cidade de Ourense pasa a ser a capital do mesmo nome. Co pulo construtivo que derivou desta situación, érguense edificios acordes coa nova categoría de cabeza territorial. Van aparecendo o Pazo Provincial, sé da deputación, o Centro Provincial de Instrución -instituto Otero Pedrayo-, o cárcere, ou as delegacións de facenda e dos gobernos civil e militar, entre outros.

Estes, á súa vez, modifican a trama urbana creando rúas ortogonais e regulares, moi diferentes do crecemento orgánico medieval, así como outras tan significativas como a do Progreso, nacida da urbanización da estrada Vigo-Villacastín, e que foi lugar de atracción para comerciantes e inmobles de arquitectos de renome, creando unha atractiva zona que sobrepasa os límites medievais da cidade. Tanto que o novo bispado múdase a ela.

Como ven, as cidades, igual que outras paisaxes creadas polos humanos -paisaxes culturais que tanto difiren das naturais-, son fillas da historia, das accións que desenvolvemos no entorno. E nel estas urbes son os lugares máis humanizados que construímos para vivir en sociedade.

Te puede interesar