Ciudad

Pablo Sánchez Ferro: "O Arquivo é un piar cultural esencial e coa nova sede hai que ser referencia"

OURENSE (COMPLEXO DE SAN FRANCISCO). 31/07/2020. OURENSE. Retrato de Pablo Sánchez Ferro, director del Archivo Histórico Provincial de Ourense. FOTO: ÓSCAR PINAL
Este luns comeza o traslado dos 54.000 fondos do Arquivo dende a antiga sede do Pazo Episcopal ao complexo de San Francisco

O periplo de case dúas décadas de atraso no Arquivo Histórico Provincial de Ourense para conseguir unha nova ubicación á altura do contido dá mañá luns un paso de xigante. Comeza o traslado dos 54.000 fondos dende a antiga sede do Pazo Episcopal ao complexo de San Francisco, un traballo minucioso no que a Xunta invirte 100.000 euros e está previsto que finalice a finais de setembro. A nova sede permitirá abrir á cidadanía un dos nodos culturais fundamentais da cidade, un arquivo que comenzará a recibir máis fondos–de 1.745 metros cadrados de capacidade pásase a 9.350–e que fará exposicións permanentes para ser referente cultural. Pablo Sánchez Ferro dirixe dende 2006 o arquivo que fundou seu avó, Xesús Ferro Couselo.

Arrinca o maior traslado da historia dun arquivo en Galicia. Que implica?

Moito control técnico, sobre todo porque hai documentos moi antigos, dende o século XI. A responsabilidade é moi grande, cada libro é único, non podes recuperalo. É un traslado moi voluminoso, case seis kilómetros de documentación. 

Como vai ser o proceso?

Primeiro trasladaremos os pergamiños, despois o primeiro Catastro da Ensenada que ten unha ubicación específica para el, protocolos notariais... Despois, as caixas, que teñen menos risco ao estar revestidas. Por último, o traslado dos postos de traballo para comezar a traballar en setembro aquí.

No obxectivo de abrir o arquivo á cidadania, algun documento terá unha ubicación á luz?

O feito de que sexan documentos únicos non nos permite telos expostos ao público sen un control dereito. O que vai a estar a principios de 2021 son as exposicións con facsímiles, copias de moita calidade. Faremos a partir de agora visitas nas que a xente si poderá ver os documentos máis importantes.

Xa contan cos facsímiles?

Vanse producir coa exposición. O Ministerio de Cultura pagará o proxecto.

Que poderemos ver?

O documento máis antigo, unha permuta dunhas terras dun abade do século XI que chegou a través do mosteiro de Celanova. Protocolos notariais, actas do Concello, fondos de códices como as Decretais de Gregorio IX, de 1473. É a única folla, feita en Maguncia, que hai na Península Ibérica, dalguen que estivo vinculado ao taller de Gutenberg. Tamén algunha cousa sobre a primeira imprenta que estivo en Galicia, en Monterrei. Documentos de Risco, Otero Pedrayo, da emigración en México, de empresas como a Banca Simeón…

Fala “dun dos mellores equipamentos de Europa”.

Sen dúbida, probablemente sexa un dos mellores dado o edificio, falando a nivel de arquivos provinciais. É un arquivo excepcional.

Que feedback recibiu das visitas feitas a pasada semana?

Excelente, a xente quedou abraiada da calidade do inmoble. Moi satisfeitos da utilidade que se lle vai dar e que vaia a ser desfrutado. 

Cales son as prioridades?

Por agora, o traslado. Paulatinamente, activar as funcións do arquivo. Teño moitas ganas de aproveitar o gabinete pedagóxico para facer máis cousas cos centros de ensino e a universidade. Gustaríame moito ver que a cidadanía percibe o arquivo como unha institución aberta na que pode participar e continuar esa dinámica de difusión. Quero activar ciclos de conferencias coa UVigo e a UNED e ter exposicións temporais de calidade.

O taller de restauración é unha das grandes novidades.

É a preocupación máis importante dende o punto de vista técnico, vai funcionar en canto poidamos.

Unha nova sede implica retos. 

É importante incrementar o número de usuarios. Hai que buscar ser unha institución dinámica e referente, competitivos, dado que temos en Ourense unha riqueza de fondos que non existe noutros sitios. Isto non vai ser inmediato, é unha carreira de fondo. Agardamos que nos anos vindeiros, a cinco-dez anos vista, poidamos ser unha institución referente. Creo que xa o somos nalgunhas cousas como no uso das tecnoloxías, pero podemos selo nas dinámicas do uso presencial do inmoble e complementar a riqueza cultural da cidade. En Ourense por fin teremos horizonte de infraestruturas culturais que merecemos. O arquivo é un piar esencial. 

Cantos usuarios deberían pasar por unha instalación coma esta nunha cidade coma Ourense?

Debería ser posible duplicar, por exemplo, as actividades con escolares. O que quero é que participe a cidadanía. As visitas ás exposicións poderían ser numerosas. O Claustro recibe 15.000 persoas anuais, deberiamos intentar atraer iso e incluso máis cantidade, agora que é un nodo de cultura máis potente, un valor engadido. 

Como se imaxina o 2021 en canto a retos consiguidos?

Sería o traslado xa este ano e ter as exposicións permanentes funcionando e que se dote un depósito máis con mobles compactos para poder recibir transferencias documentais das administracións públicas, unha das prioridades que hai agora, son documentos amoreados que tiñan que estar xa aquí.

Como está sendo a relación coas citadas administracións?

Xa fixemos algún tanteo con algunhas que queren transferir. A partir do 2021, a cousa será moito máis intensiva.

En setembro, cal é a idea?

O aproveitamento máximo este ano sería que os centros de ensino reactiven as cousas que parou o covid e comezar con visitas guiadas, pero xa co centro funcionando. Serían numerosas inicialmente para moita xente que non puido acceder agora polo aforo. E convertir as visitas nunha pauta do arquivo.

Dixitalizar é unha prioridade?

Si. Xa se dixitalizaron moitos pergamiños e hoxe é unha das funcións esenciais.

Para quen descoñeza o periplo do arquivo, afogado durante décadas. Un resumo do director.

O resumo é pasar da noite ao día, o arquivo estaba absolutamente afogado. É transcendente, é recibir unha infraestrutura de magnificiencia e calidade excepcional que permite que o arquivo desenvolva as actividades que ten que desenvolver e medre con máis documentos e conseguir fondos privados moi interesantes. É unha gran satisfación despois de 17 anos agardando pola obra, pero a demanda está dende o ano 86.

Teme demoras agora con estes antecedentes?

Agora non, vexo todo absolutamente encauzado. A Xunta fixo esforzo importante.

Que será para Ourense?

Para Ourense isto ten que ser unha alegría. A xente ten que aproveitar esta infraestrutura e darse conta do valor patrimonial excepcional. Empezamos a ter a oportunidade de comunicar estas cousas a xeracións futuras e conseguir ter unha sociedade cultivada. 

Te puede interesar