O pai da prehistoria en Galicia

Florentino Cuevillas non tivo formación universitaria como prehistoriador. Licenciouse en Farmacia e foi funcionario de Facenda

Florentino Cuevillas non tivo formación universitaria como prehistoriador. Licenciouse en Farmacia e foi funcionario de Facenda. Pero o que lle deu sona foi a investigación do pasado. Tivo uns inicios influenciados por historiadores decimonónicos, inmersos nun nacionalismo de corte céltico. Entre outros, Barros Sivelo, Verea y Aguiar, Manuel Murguía, J. Villamil ou Saralegui y Medina. 

Máis a visión romántica que se estendeu á xeración Nós será progresivamente esquecida ou matizada, o que se vai percibindo na súa titánica tarefa de rescatar a prehistoria de Galicia para darlle soporte á nación que o grupo está a construír. En consonancia cos tempos ían actualizando os métodos de estudo, o que Cuevillas fixo con destreza. As circunstancias que concorreron a principio da década de 1920, xunto coa enorme valía intelectual, estaban da súa parte. 

Os precursores que influíran nel foron substituídos por outros, grandes referentes do prehistoriador ourensán: Pedro Bosch Gimpera, Luís Pericot e Hugo Obermaier. Coa oficialización dos estudios de historia na Universidade de Santiago (USC) e a creación da Sección de Historia en 1922, Obermaier impartiu un ciclo de conferencias. En cinco semanas preparatorias percorreu Galicia e en 1923 publicou “Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia”, a primeira síntese rigorosa da prehistoria galega, adaptada aos contidos e métodos vixentes naquela altura. Os investigadores galegos tomarán o facer de Obermaier como modelo a seguir.  

Outro feito esencial, fulcral para a súa formación científica, foi a chegada en 1922 de Pericot, discípulo de Bosch Gimpera. Gaña a cátedra na USC e aínda que só permaneceu na praza dezaoito meses, deixa unha forte impronta en Cuevillas, con quen mantén unhas relacións profesionais e persoais fructíferas e recíprocas. Dicía Blanco Freijeiro que á sua chegada “El joven profesor es objeto de una cordial acogida entre los estudiosos gallegos... Cuevillas, el más destacado de los prehistoriadores de la región, se brinda a colaborar con él en las excavaciones de la citania de Troña...” e segundo o propio Pericot “...una de mis primeras misiones...era la de ponerme en contacto con Cuevillas e impulsar en el cauce científico la labor que el grupo de arqueólogos encuadrados en el SEG (Seminario de estudios Galegos) estaba desarrollando”.  

Integrado Pericot na USC, realiza viaxes de estudos sobre as relacións de Galicia con outros finisterres. Estase a propiciar a tradición atlantista tan presente en Galicia e que impregnará os traballos de Cuevillas. 

Entón existían en España dúas tendencias: a barcelonesa encabezada por Bosch Gimpera, cunha concepción ultrapirenaica da prehistoria e da que participaba Obermaier, e a madrileña de Gómez Moreno, cun forte carácter hispanista. A influenza de Bosch en Cuevillas pode explicar que este non desbotase totalmente o celtismo, se non que despois o abordase con criterios científicos, xa non románticos. Os seus traballos interpretan unha cultura castrexa con importantes compoñentes célticos tras a “celtización” da Idade do Ferro, pero dotada dun potente substrato precéltico (os “oestrimnios”) que, segundo el, protagonizan gran parte da prehistoria máis recente.

Pero antes de chegar Pericot, en 1922 creárase o SEG. Aquel, lembrando a Florentino, dicía que “En el Seminario del profesor Bosch Gimpera y en las sesiones de la Asociación Catalana de Antropología, sonó pronto el nombre de Cuevillas. Un joven prehistoriador gallego, surgido de la remota Orense, se revelaba ante la general sorpresa como un excelente expositor, conocedor de las modernas teorías y afortunado excavador” e que “aparecía como brillante adalid de una naciente escuela arqueológica dotada de personalidad dentro del movimiento científico español”. 

Cuevillas xa despuntaba no SEG, con antecedentes na “Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”, dirixida por Ramón y Cajal, ou na “Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas” nacida na Pontevedra de Losada Diéguez. En 1922 aparecen Risco e Cuevillas solicitando escavacións en San Cibrán de Las ante a “Junta Superior de Excavaciones Arqueológicas”.

Cuevillas, sistematizador da prehistoria galega no dicir de Pericot, transita dende o romanticismo ata a teses científicas, cunha evolución acorde cos modelos teóricos e académicos punteiros de cada momento. Estaba dotado cunha fonda formación e intelixencia que dende 1918 puxo ao servizo de Galicia, por máis que a súa influencia superara a terra que axudou a coñecer dende o pasado remoto.

Te puede interesar