ÁREA METROPOLITANA

Os pais do Ben-Cho-Sey reclaman novos horarios

<p></p>
photo_camera O CEIP Ben-Cho-Sey inicia a súa xornada lectiva ás 10,30 horas, algo que non é do agrado dos pais.

Alertan de que a entrada ás 10,30 horas impide a conciliación familiar

Os pais do CEIP Ben-Cho-Sey pediron onte unha "racionalización" dos horarios aos que está sometida a comunidade escolar do centro educativo de Pereiro de Aguiar "de forma urxente", xa que do contrario non descartan comezar mobilizacións ante o que consideran unha "discriminación" entre o mundo rural e o urbano.

O foco da polémica é o mantemento dunha xornada partida –de 10,30 a 14,30 horas e de 16,00 a 17,00 horas–, que consideran "desfavorable para o rendemento do alumnado e para a conciliación da vida laboral e familiar".

O Concello de Pereiro apoia a reivindicación "xusta" da Anpa do Ben-Cho-Sey, segundo asegurou onte o teniente de alcalde, Manuel Doval. De feito, o Concello mantén aberto desde o 2008 o programa "Concilia" de 07,30 a 10,30 horas, para que os pais poidan deixar aos seus fillos.

A Anpa do colexio de Pereiro leva reclamando unha "racionalización" do horario desde hai anos, e incluso lle foi expresada este problema ao Rei de España na súa visita ao colexio na inauguración do curso académico 2014/2015.

O Consello Escolar e todos os grupos políticos teñen demandado de forma reiterada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaría da Xunta un cambio na xornada académica –con entrada ás 09,00 e saída ás 15,30 horas, ou o entrada ás 09,30 e saída ás 16,00 horas– . Un 84% das familias consultadas a través dunha enquisa estaba a favor desta proposta.


Transporte escolar


Os pais sinalan que desde a Xunta ten informado de que o cambio de horario implicaría un sobrecusto do servizo do transporte escolar. Desde o Concello, Doval sinalou que lles consta "que a Xunta está estudando" as propostas, e manifestou que confían en que "se dará unha solución". 

Te puede interesar