Tribuna

Palabras Galegas

20200515155917271_resultado

Nesta semana non foron poucos os amigos xornalistas que me pediron unha  listaxe de palabras das que guste especialmente ou teñan significado para min. A todos contestei con sumo gusto, aínda que tamén lin nesas ditosas redes sociais a quen criticaba estas iniciativas porque lles parece pouco menos que desprezar o idioma e circunscribilo a estas datas. Opinións hai para todos os gustos e nunca hai maneira de contentar a todo o mundo; pero o certo é que moitos dos que pontifican nin coñecen a traxectoria lingüística nin a militancia idiomática das persoas ás que lles poñen peros. Pero en tempos nos que opinar é tan gratuito e anónimo, e con máis altofalantes que nunca, o mellor é non facer demasiado caso a estes agoreiros aos que nada lles vale e gustan de exercer o cargo non electo de vixiantes da pureza da raza.

Pero imos ao caso, eu sí contestei a estes requirimentos lingüísticos e, sen andar buscando palabras de “cinco pesos” para quedar ben ou presumir de bagaxe idiomático, elexín aquelas que significan algo para min, normalmente desde a miña infancia, como é o caso de “fouciño” que xunto con “ferreiriño” son unha homenaxe ao meu pai, que como moitos outros membros da miña familia foron ou son ferreiros de profesión, que entre outras cousas facían e fan as fouces, os arados e todo aquelo que os labregos precisan para o traballo no campo. E dito co cariño que o dicían algunhas persoas de Allariz, “ferreiriño” é unha palabra ben bonita á hora de dirixirse a min. Tamén fai referencia a un lindo paxaro que habita polos nosos regueiros, e así segue chamándose o bar ao que de neno me levaba meu pai a comer cacahuetes e olivas das que tanto sigo gustando. 

Evidentemente tamén elexín a palabra “piñeiro” por razóns obvias e por ter unha sonoridade ben fermosa, e porque desde toda a vida no ámbito educativo, tanto de alumno como de profesor, sempre fun e sigo sendo Piñeiro, aínda que a miña xente me chame directamente “Pi”, de aí que case sempre saia con esa letra grega na solapa das americanas que poño no “Bamboleo”. 

E xunto con estas tres palabras tamén elexín “xesta”, da que me encantan as súas frores amarelas, “corredoira” en homenaxe á miña nai cando ían co gando de Roimelo cara Nanín; e logo elexín a palabra “trapalleiro”, porque paréceme ben simpática utilizada de xeito non ofensivo cando queres definir a alguén ao que seguramente lle tés cariño admitindo a súa maneira particular de ser. Todos temos algún simpático trapalleiro ao noso arredor.

Pero créanme, se non fósemos tan políticamente correctos, a palabra que elexiriamos a inmensa maioría é “carallo”, ¿ou non?. Deixou de ser un taco para formar parte do noso vocabulario por moito que algúns aínda sigan pensando que é propio de malfalados. Nin tal cousa, “o caralliño de Ambrosio”, “manda carallo”, vai ao carallo”, “é caralludo”, “o carallo 29”, “déixate de caralladas”, “non me toques o carallo” ou “imos de carallada”, son expresións que os que falamos na nosa lingua empregamos a miúdo; e os que traballamos de cara ao público mesmo temos que facer verdadeiros esforzos para que non se nos escape dito vocábulo. 

Seguramente para os nosos veciños portugueses isto lles soe moi vulgar, xa que o “taco” non é algo moi usual no seu día a día, pero entre nós isto é tan popular como o polbo, a muiñeira ou o churrasco.  

Te puede interesar