HOMENAJE

Parada de Sil homenaxea ao creador de Benposta Colombia

photo_camera Anto Lorenzo, Francisco Magide, Xosé Luis Campo Rodicio, Mercedes Gallego e Antonio Carreño.

O Concello recoñeceu a traxectoria e o labor de Xosé Luis Campo a prol da infancia desfavorecida

O concello de Parada de Sil acolleu onte a súa tradicional celebración do Día das Letras, coa homenaxe a un dos seus fillos ilustres e a entrega dos premios do Concurso de Microrrelatos Parada de Sil-Ribeira Sacra.

O acto, que se celebrou no salón de actos de Concello, que estivo cheo a rebosar, comezou coa homenaxe a Xosé Luis Campo Rodicio, director e responsable de Benposta en Colombia. O alcalde de Parada, Francisco Magide destacou a persoalidade e o labor levado a cabo por Xosé Luis Campo Rodicio, “Pequeno”, como é coñecido dende os tempos da súa infancia.

Da laudatio ocupouse, como xa é tradicional, Antonio Carreño, catedrático emérito de Brown e escritor, orixinario de Parada do Sil. Na súa intervención lembrou a obra do cura irlandés Edward Flanagan, que a principios do século pasado fundou unha organización asistencial chamada “Ciudad de los Muchachos” na cidade estadounidense de Omaha (Nebraska), adicada á atención a nenos e xóvenes delincuentes, que seguramente serviu de inspiración para o Padre Silva, fundador de Benposta, con quen empezou e desenrolou prácticamente toda a sua vida Xosé Luis Campo Rodicio.

Precisamente polo padre Silva empezou o homenaxeado a súa intervención, sostendo que a sociedade débelle unha homenaxe, “non tanto á súa persoa, senón á idea”, pois na súa opinión, son as ideas as que exercen de motores do mundo. Campo Rodicio retrotraeuse á súa infancia, da que lembrou a aquil neno que só sabía falar galego e ao que castigaban por elo na escola. Máis de coarenta anos despois “sigo falando galego –aínda que con lixeiro acento colombiano, debido ás catro décadas de residencia nise país-, pois é un dos sinais fundamentais da miña identidade”, lembrando así mesmo, aos seus pais e irmans, así como aos amigos e compañeiros de vivencias daquil tempo. Defendeu o uso da lingua galega e as súas raíces en Parada, ao tempo que fixo un agradecemento xeneralizado polo homenaxe que recibía: veciños, amigos, familiares e, nomeadamente, ao concello de Parada. Explicou as liñas xerais da realidade do país no que vive e traballa, así como o papel que xoga a institución que dirixe na recuperación e formación de nenos que foron víctimas da guerra civil larvada que leva vivindo o país nas últimas décadas.

A emotividade subiu de tono ca proxección dun video sobre a vida, o labor e o entorno de Xosé Luis Campo e actuación da coral Vellos Amigos de Manuel de Dios. O acto rematou co descubrimento dunha placa na fachada da casa natal do homenaxeado e cos acordes do himno galego.

Te puede interesar