Igrexas e capelas ourensás

Parroquia da Inmaculada, en Montealegre

Hervella.jpg_web (2)
A igrexa da Inmaculada Concepción constitúe un templo católico datado no século XX, situado no barrio da Inmaculada, na aba de Montelegre

A igrexa da Inmaculada Concepción constitúe un templo católico datado no século XX, situado no barrio da Inmaculada, na aba de Montelegre, en Ourense capital.

A moderna parroquia fundouse no ano 1962, se ben o edificio relixioso atopábase xa en construción no decurso do 1958, de igual modo que outros templos ourensáns da mesma época, como o de Santa Teresita, no Vinteún, ou o do Sagrado Corazón, con asento no barrio de A Carballeira.

Ao templo, construído en pedra provinte das canteiras locais, accédese a través dunha grande portada formada por nove dovelas de grande rosca. Dous son os ocos separados por un dintel horizontal, elemento superior horizontal de peche, de vanos, portas e fiestras, todo enmarcado por un alto e sinxelo arco de medio punto acompañado de dous pequenos e redondos rosetóns. Dá remate á fachada un campanario de base rectangular composto dun arco de medio punto en cada lado, coroado dun frontón triangular adornado de pináculos.

A igrexa, dividida en tres naves, a preside o presbiterio, ao que se accede a traveso dun grande arco triunfal decorado en toda a súa parte superior cun mural que representa a Dios Padre cos brazos abertos rodeado de anxos, namentres que nos seus extremos decórase con diversos temas pictóricos de temática relixiosa O colorido testeiro do altar maior o preside unha talla moderna da Inmaculada Concepción, de escaso valor artístico, non así devocional; de feito durante a novena que precede ao Día da Inmaculada baixase do seu emprazamento na igrexa para a súa doada contemplación polos fieis. Un dos elementos máis destacados do altar maior o constitúe o mural situado tralo altar que, a modo dun retablo, representa unha paisaxe desértica decorada con pequenas elevacións rochosas, ademais dun pequeno río no centro. Baixo a imaxe da Nai de Deus atópase o sagrario, estando o espazo existente entre a talla da Virxe mailo mural, cercado por unha valla con forma de arco de medio punto decorada con símbolos marianos.

As naves laterais caracterízanse pola súa austeridade, influenciada polas normas establecidas no Concilio Vaticano II, de igual modo pola estética imperante na década dos anos 60, na que imperaba o minimalismo maila simplicidade ornamental nos templos, afastándose do tradicional barroco galego existente en séculos pasados.

A igrexa conta con varias imaxes. Así, no muro do evanxeo sitúanse as representacións de san Antonio de Padua e san Xosé; namentres que no da epístola conta cas imaxes representativas de santa Rita de Casia mailo Sagrado Corazón.

Situación
Coordenadas: Aproximadas: 42º20´05.3”N – 7º51´03.0”W.
Rúa da Inmaculada nº. 11.

Datos
Igrexa moderna datada no ano 1962.

Características
Igrexa de gran simplicidade construtiva dividida en tres naves presidida polo presbiterio. Ao recinto da sala parroquial, situado baixo a igrexa, accédese por rúa cega; nel celébrase a catequeses ademais de atoparse o dispensario de Cáritas.

Elementos destacados
Sinxelas pinturas murais de escaso valor artístico de autor descoñecido. Pía bautismal.

Estado de conservación
Bo. Mala acústica debido excesiva altura da bóveda plana central.

Información relixiosa:
Servicio
Parroquia culto cristián.

Centro Pastoral
Juan Pablo II, situado na rúa Chano Piñeiro nº. 6, da nova urbanización torres de Berrocás. Destacable Crucificado do ano 1958 do escultor Azisclo Manzano.

Párroco
Alberto Diéguez 1.

Titularidade
Sé episcopal de Ourense.

 

Te puede interesar