arte et alia

O que pasa fronte ao que permanece, de Penín a Poldras

obras_de_penin_result
photo_camera Obras de Penín.

Poldras traballa as obras co papel, sempre co papel, e utilízao Penin tamén para as súas acuarelas e óleos

Malia que podamos convir co gran poeta Machado, D. Antonio ‘Pero lo nuestro es pasar, pasar haciendo caminos’, na arte, como na vida, cada quen vai facendo o seu. Uns artistas apostan polo sólido, en  ferro, bronce ou mármore, outros pola tea, cartón ou papel, e aínda outros pola fotografía, vídeo ou cine, poñamos por caso, mais o tempo, ese gran mestre, sinalará o devir no porvir sen poder nos albiscar a súa relevancia futura, ou ata cando... Poldras traballa as obras co papel, sempre co papel, e utilízao Penin tamén para as súas acuarelas e óleos, co cartón. Mais, alén diso, este fai obras en bronce, e madeira. Ámbolos están unidos como o estaban Michelle Pfeiffer e Rutger Hauer en Ladyhawke de Richard Donner, ela de noite, el polo día, sen poder estar xuntos, xa que logo cando un estaba íase o outro. Así no Espacio de Arte RV ata estes días pasados: aquel concluía a súa estadía para deixarlle espazo a este. Mais dende fóra deste movemento do péndulo, e da súa secuencia temporal, as propostas seguen... ‘Ver chegar aquilo que permanece’, a proposta de Xosé ‘Poldras’ ten o centro posto na Estética de la desaparición de Paul Virilio, ‘Su deseo de movimiento es sólo un deseo de inercia, el deseo de ver llegar aquello que permanece’, velaquí o pensamento que transformou en imaxes. O salientable gravador da terras do sur leste da provincia, de Baronceli e do Bolo, quixo facer explícito así o anceio de discreción, refugando o espectáculo que vai unido a tantos feitos, de artistas e outras xentes, modus operandi do que fuxe. As trece obras con composicións nas que as figuras asentan os corpos no espazo, e na súa amplitude que respírase con tranquilidade, pois hai silenzo, dende unha constante procura estética.


Penín


Está recén chegado de Nova Iorque, onde fixo, segundo dixo, algunha dalgunhas obras que exhibe estes días na súa exposición "Del dedo a la llama". Son quince cadros, óleos e técnicas mixtas sobre cartón e papel, formas informes nas que a cor é protagonista. Nelas quere compartir a intensidade das súas emocións, tamén realizadas aquí e en Berlín, estadía anterior. Llama en azul, cante en verde, e o branco da ’noche’, bravas en vermello e as azuis mareas: son os nomes que lles da, e as cores dominantes. Interior, clave, flores, e floresta son as outras obras ademais dunha que prefire non titular, como adoitaba facer ata agora. Con elo amosa estar nunha fase nova, como se pode comprobar poñendo as que adornan as paredes da Cafetería La Coruñesa, sita baixo o seu taller. Carpa honda, unha obra dobre que firma o pasado ano, unha suxestiva paisaxe que ben pode aludir a un acuario. As formas e harmonías das cores ofrecen unha espranza da que xorden os impulsos que fan que as persoas se transformen. Así pensábao en xeral John Berger, para quen cando a arte da espranza transmútase en forza. Así tamén Machado, quen amou ‘los mundos sutiles, ingrávidos y sutiles, como pombas de jabón...’.  

Te puede interesar