Pazos ourensáns

Pazo de Casanova, en Santa Cruz de Arrabaldo

_pazo_casanova_resultado
Tras un grande portalón se accede á ruinosa edificación, situada no medio dun gran predio

Casa Grande, Pazo de Reinoso ou de Casanova son tres dos nomes con que se coñece, en Santa Cruz de Arrabaldo, unha das interesantes construcións populares denominadas pacegas de marcado carácter rural existentes dentro do termo municipal do Concello de Ourense, asentada concretamente no lugar de Casanova.

Partindo da estrada de titularidade estatal N-120, á altura da gasolineira de Santa Cruz de Arrabaldo, a man dereita, parte a pequena estrada provincial OU-0522, que conduce a Trasalba; a pouco do seu inicio existe un desvío a man dereita a través do Camiño Souto do Río cara ao pazo de Casanova, un espazo rico historicamente en viñedos e zona boscosa. 

Tras un grande portalón se accede á ruinosa edificación, situada no medio dun gran predio, actualmente parcelado y de pequenas proporcións, construído en bloques de perpiaño concertado encintado en cachotería concentrada. A súa planta adopta a forma aproximada dun rectángulo amosando unha torre de planta cadrada nun dos seus lados. Resulta cando menos curiosa a diferente altura da edificación como resultas do desnivel existente do terreo sobre o que se asenta, protexido por un contraforte exterior. A fachada, orientada cara o poñente, comunica cun pequeno patio exterior amosando unha porte a ras do chan e dúas plantas na zona da torre.

Na fachada cara o sudoeste, no baixo ábrese unha porta adintelada que da acceso á planta principal mediante unha curta escaleira exterior en pedra pegada ao muro oeste que conduce cara un corredor con porta de acceso á planta principal, ademais dun pequeno oratorio privado actualmente arruinado. Resulta particularmente curiosa a composición do devandito corredor pola existencia de tres cilíndricas columnas rematadas en curiosos capiteis de sustentación da cuberta que descansan directamente sobre o pasamáns da balaustrada en pedra. Como elemento de ventilación conta cunha fiestra ademais do balcón con balaústres, aparecendo ademais unha curiosa pedra de armas dividida en dúas particións, rematada nunha cimeira adornada con diversos lambrequíns que racha a continuidade da cornixa do edificio mais do aleiro. Na parte baixa do escudo existe a seguinte inscrición: “Los Somoza con la maza con los moros se embeleña muchos dellos despedaza las doncellas desempeña”.

escudo_pazo_casanova_resultado

Pertenceu no seu orixe á familia Somoza e Ulloa, pasando posteriormente a man dos herdeiros de Gustavo Novoa. Na actualidade é propiedade de Bodegas e Viñedos do Pazo de Casanova, do Grupo de Grandes Pazos Galegos de Viticultura Tradicional Galega.

A fachada sur componse de dúas plantas centradas por unha arruinada solaina de similares características ca anteriormente descrita, existindo a ambos laterais dúas fiestras rectangulares acompañadas dun balcón voado sostido con varandas de fundición e ménsulas. No extremo orientado cara o SE complementa a obra os restos dunha case desfeita torre cadrada de dúas alturas na que se abren sendas fiestras verticais. Na parte baixa, a xeito dun pequeno soportal que serve de apoio á solaina, sitúanse a antiga adega actualmente arruinada. 

O interior sufriu importantes modificacións ao longo do tempo que modificaron notablemente a obra orixinal; aínda así, quedan restos da grande cociña ca súa correspondente lareira. Ao que foi unha pequena capela ou oratorio privado integrado no edificio accédese dende a solaina. A edificación perdeu case a totalidade da cubrición, noutro tempo composta por tella do país distribuída a catro augas.

Te puede interesar