Pazos de Ourense

Pazo de Guizamonde

Dibujo del Pazo de Guizamonde
photo_camera Dibujo del Pazo de Guizamonde
A evolución dos modelos arquitectónico dos pazos sufriu importantes modificacións a traveso do tempo

Resulta singularmente difícil explicar determinados conceptos arquitectónicos relacionados con todos aqueles singulares edificios coñecidos ou denominados como pazos ou casas grandes, sobre todo cando na súa orixe tiñan carácter de fortaleza ou lugar de defensa dos seus moradores.

A evolución dos modelos arquitectónico dos pazos sufriu importantes modificacións a traveso do tempo ata chegar á actualidade, caracterizados, moitos deles, pola súa sobria fachada, case sempre decorada co distintivo heráldico dos propietarios, pedras armeiras, ou escudos nobiliarios, ademais de contar, algún deles, coa presenza testemuñal de antigas defensas representada pola existencia ou non dalgunha torre ou garita situada xeralmente nas esquinas da nobre construción.

O grande pazo maila finca circundante de Guizamonde sitúase na rúa do seu mesmo nome, moi preto da popular barriada ourensá da Virxe de Covadonga. Construído no século XVII, concretamente no ano 1690 por Benito Salgado e Guntín, atópase rodeado por un groso muro de granito, aberto na súa fachada principal co obxecto de permitir o acceso ao interior do edificio a traveso dunha interesante porta adintelada, coroada cun frontispicio no que luce un escudo cuarteado complementado con helmo e escusón. 

Un patio exterior da paso á grande construción, de forma xeométrica aproximadamente rectangular, actualmente dividida en dúas partes ben diferenciadas. Dispón de tres alturas máis un ático, ao que se suman dous baixos no seu día ocupados por grandes adegas subterráneas construídas en sillería con pedra de boa calidade. 

A fachada principal, orientada cara o sur, dispón de porta de acceso á vivenda, decorándose o piso alto con diversas fiestras verticais molduradas, dúas delas protexidas por sendas varandas de ferro en forxa. Resulta sumamente interesante a presenza, aínda hoxe, de dúas altas garitas rectangulares singulares dotadas, no seu día, de pequenos canóns tendentes á defensa do edificio, situadas estratexicamente repartidas nos diversos ángulos do edificio situados cara o occidente. 

A cubrición sobre a cornixa é a catro augas, mediante o emprego de tella curva do país, erguéndose sobre ela unha alta e artística cheminea formada por tres corpos separados por unha imposta decorada con gárgolas de desaugo, dando remate mediante catro artísticos pináculos de bola. 

A nobre construción, como a maioría dos pazos de importancia, contaba no seu día cunha pequena capela interior decorada cunha espadana. Trala última restauración perdeu a súa función para converterse nunha dependencia máis do recinto pacego. O edificio foi modestamente restaurado no ano 1994 pola escola-taller “Auria”, dependente do Concello de Ourense, que repuxo as partes máis danadas do pazo. 

Varios son os escudos repartidos entre a portada de acceso maila fachada, algún deles pertencentes aos pazos de Castiadona e Casardomato, traídos fai anos a Guizamonde polo dono deste pazo, Alejandro Pedrosa. Neles represéntanse os símbolos heráldicos das familias Novoa, Niño da Vega, Sotelo e Andrade, entre outros.



Os datos

Situación 

42º21’ 20.0” N / 7º 52’ 13.9” W / 42.355556,-7.870528

Datos

Construción datada no século XVII, reformada amplamente durante o XVIII e moi modificado na actualidade.

Características

Construción formada por tres alturas e ático, ademais de dúas adegas subterráneas.

Elementos destacados

Dúas garitas defensivas, adegas, cheminea, escudos nobiliarios, casa dos caseiros remodelada, antigo obradoiro de cantería, horto e xardín decorado con diversas pezas artísticas, algunhas orixinais pertencentes ao pazo e outras elaboradas polo obradoiro de cantería: varal dun cruceiro, dúas fontes, reloxo de sol, etc.

Escudos

Salgado (tres aves por riba dun castelo e guerreiro vestido cas súa armas), Novoa (castelo coroado con ave), Niño da Vega (sete lises), Sotelo (cabras apoiadas a unha árbore), Andrade (castelo e cartela ca lenda “Ave María”).

Servizo

 Antigo sanatorio psiquiátrico del Perpetuo Socorro, que prestou o seu servizo ata a década dos anos 70. Actualmente dedicado como centro de rehabilitación de toxicómanos, Proxecto Home, dependente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Visitable parcialmente.

Estado de conservación

Bo

Titularidade

Permuta entre a familia Cabaleiros mailo Concello de Ourense.

Protección

Integral.

Te puede interesar