Pazos ourensáns

Pazo de San Cósmede

Ilustración del pazo.
photo_camera Ilustración del pazo.

A historia da cidade de Ourense ó longo dos séculos atópase vencellada a múltiples factores tanto de orde xeográfico como económico, político, militar, social, humano ou relixioso. Cada século transcorrido dende os inicios da nosa pequena vila máis tarde convertida en cidade e capital de provincia caracterizouse por unha serie evolutiva de sucesos, en algúns casos lutuosos, mesturados con outros de carácter frutífero, como o asentamento de comerciantes maragatos que cimentaron as bases das súas futuras e prósperas industrias na cidade.

Dentro do casco urbano, con poucas variacións ou alteracións dende o século XII ata ben entrado o XIX no casco vello, entrecruzábanse unha serie de rúas, canellas e prazas todas elas moi estreitas, curtas e de trazado un tanto irregular, moitas delas nacidas da existencia dun vello camiño anterior. Na intercesión dalgunhas delas formábanse prazas e cruzamentos delimitados por pequenas construcións consistentes en modestas vivendas ou ben importantes residencias que contaban con hortos interiores, xardíns o fincas de de maior entidades como é a casa -pazo de San Cósmede. 

A partir do século XVI as distintas clases sociais competían pola mellora da súa situación económica sendo os gremios unha das máis organizadas e numerosas, afastada pola nacente fidalguía composta polos nobres e xente ilustre que amosaba o seu poder mediante a ergueita de mansións, moitas delas situadas nas aforas da cidade, con fincas contando cun numeroso séquito de criadas e caseiros encargados tanto das angueiras domesticas como da labranza.

Nun plano do 1844, no cruzamento da por entón denominada Porta do Campo, máis tarde praza da Fonte Arcada, actual Cósmede e Damián, no cruzamento de Pena Vixía, actual Hernán Cortés e Reina Victoria, antes Porta da Aira, máis coñecida hoxe como Julio Prieto, aparece unha representación dunha interesante mostra da arquitectura civil existentes en Ourense, a casa –pazo “ruro- urbán” pertencente ao patrimonio ourensán do marquesado de Valladares, singulares personaxes protagonistas activos na sociedade e a política rexional e da cidade das Burgas. Aínda ata a primeira metade do século XX formaba parte do que fora unha produtiva finca gandeira, de labranza e viña chamada “Da Porta Dayra” adquirida a finais do século XIX polos irmáns Rodríguez Montero que fixeron unha importante obra de reconstrución e rehabilitación. Nos cincuenta anos seguintes as fincas sufriron sucesivas expropiación ferroviarias e, xa preto deste século, as do PERI do Casco Histórico quedando reducida a propiedade ó seu estado actual.  

Hoxe “sobrevive” a casona de 600 m2. ocupando en planta sobre unha parcela duns 1.400 m2. de superficie repartidos entre a casa, o xardín, antigas cuadras, adegas e construcións auxiliares exentas de adosamentos alleos por tódolos aires, érguendose esta grande e fermosa edificación en pedra dun metro de ancho, composta de baixo, primeiro e segundo andar. No primeiro luce catro fermosas portas- fiestras verticais de acceso ós balcóns voados protexidos por varandas de ferro de fundición, sostidos por ménsulas un tanto desenroladas. Na parte superior no eixo central da fachada aparece a representación dun magnífico escudo, sen división de carteis, no que se representa as armas dos Taboada, Suárez de Deza, Amoeiro. Todo timbrado con unha M rodeada de lambrequines e coroa voada que conforma as armas dos Montenegro. O acceso ó edificio é mediante un gran portalón protexido por unha curta cancela- varanda de ferro. Accedese ó primeiro e segundo andar mediante unha ampla escaleira de tipo imperial magnificamente iluminada mediante unha grande e circular claraboia. A propiedade repártese entre a entreplanta, antigo despacho,  mais dúas plantas dedicadas a vivendas, con dereita e esquerda por planta, unha abofardada.

Nun xardín orientado ó sur, residuo da finca matriz,  atópase un pozo e piscina, ademais de servir de depósito de diferentes pezas orixinais da primitiva construción conservadas celosamente por parte dos seus actuais propietarios. Na parte limítrofe ca praza dos santos Cósmede e Damián atópanse as antigas cuadras, galiñeiros e almacéns, actualmente fora de uso que contan con acceso rodado. Por último dúas grandes chemineas dan saída ós gases das correspondentes cociñas ademais de servir de respiradoiro á grande lareira existente dentro dunha das vivendas, perfectamente conservada, de igual modo que os mobles existentes de época.

Te puede interesar