Pazos ourensáns

Pazo de Velle

pazo_velle1_resultado
Varias son as construcións obxectivas encadradas no interior da grande finca que rodea o pazo, que parece que foi o que deu orixe ao condado de velle

Opazo galego é, en xeral, unha das mellores e máis xenuínas mostras dun tipo de construción existente no medio rural galego, motivo de orgullo do noso pobo e evocador da grandeza existente no pasado, así como elemento embelecedor da nosa paisaxe que, aínda na actualidade, algúns deles, pese a súa aparente ruína, atópanse habitados ou dedicados a outras actividades. 

O pazo de Velle localízase na freguesía de Santa María de Velle, no lugar de Pacio, situado no medio dun predio, entre a antiga estrada a Monforte e a provincial de Sabadelle a Luíntra, OU-0506. Construído no século XVIII como edificación illada, ten planta de forma irregular, construído pola unión de dous volumes ordenados a distinta altura, destacando, no primeiro deles, unha torre cadrada cuberta a catro augas rematada por cinco acroterios situados no vértice e nos ángulos decorada no cumio cunha veleta ou cataventos. O material empregado na construción foi a cachotería encintada, a excepción dunha fachada, unida ca capela máis á torre, que é de cantería granítica. No grande e sólido muro de pedra situada a carón da estrada cara a Monforte ábrese unha grande portada, moi modificada na actualidade. O edificio repártese entre o baixo formado por dous corpos ocupados no seu día polas cortes mailas adegas conta cara o lado occidental cun pequeno xardín. Remata o edificio nunha cornixa granítica na que se apoia a cuberta formada por unha, dúas e tres augas rematada en tella decorada con artísticos pináculos.

O grande edificio sufriu unha serie de reformas pouco acertadas que alteraron de xeito notable a estructura da vella edificación. A fachada do pequeno edificio relixioso se inserta no propio muro que rodea á finca. A capela, actualmente sen culto, dispón dunha fachada enmarcada por pilares dóricos, contendo unha porta de acceso adintelada, unha pequena ventá circular e cornixa rematada en volutas e chapiteis laterais, sobre a que se ergue unha barroca espadana de dous corpos, un deles con campá, completado por unha imposta coroada por unha cruz de pedra acompañada de dous barrocos pináculos laterais. 

O pazo non conserva na actualidade ningún escudo de armas, tal vez desaparecidos, tralas pouco acertadas reformas co engadido de diversos elementos a imitación do estilo pacego: portadas, galerías, etc. A maioría delas alteraron desgraciadamente a notable construción orixinal. 

Varias son as diversas construcións obxectivas encadradas no interior da grande finca que rodea o pazo, como un hórreo e pombal, este último de planta circular, sostido por un muro de cachotería enfocada e cuberta en forma de cono rematado en chapitel. A nobre construción parece que deu orixe ao condado de Velle.

Te puede interesar