La Región

TORRES E CASTELOS

Pazo - fortaleza de Vilamarín

De entre os numerosos pazos existentes na localidade destaca principalmente o de Vilamarín, un dos mais importantes con que conta a provincia de Ourense.

O Pazo de Vilamarín.
O Pazo de Vilamarín.
Pazo - fortaleza de Vilamarín

A historia do pequeno castelo - fortaleza de Vilamarín  atópase relacionada ca presenza de diversos condes e fidalgos galegos que elixiron como lugar de residencia estas fértiles terras para a ergueita dos seus pazos e casas soaregos espalladas ao largo e longo de toda a bisbarra.

O topónimo de Vilamarín ven dende a época dos suevos aínda que, polos abondosos achados arqueolóxicos que aínda consérvanse na zona: mámoas, castros, et. suponse a existencia de habitabilidade nestas terras dende a época megalítica.

De entre os numerosos pazos existentes na localidade destaca principalmente o de Vilamarín, un dos mais importantes con que conta a provincia de Ourense. Atópase nun lateral da estrada provincial OU 0527, edificado sobre a dura roca granítica o que permite unha relativa elevación do mesmo ademais da posibilidade dunha espléndida visión sobre as terras circundantes.

O castelo - fortaleza, de curto alzado, adaptada ás necesidades e gusto da Baixa Idade Media. Pertenceu na súa orixe ós Condes de Ribadavia sufrindo ao igual que moitas de Galicia, o asalto por parte das forzas dos Irmandiños, no ano 1467. A finais do século XVII, xa en posesión dos Condes de Maceda, restaurouse volvendo novamente a facelo no século pasado trala súa adquisición por parte da Deputación de Ourense. No ano 1977 declarouse Monumento Histórico - Artístico. 

A construción en boa cadeira, ben labrada colocada a soga e tizón, ten unha forma xeométrica hexagonal con tendencia á rectangular. Destaca nela, en cinco dos seis ángulos, as torres de defensa decoradas con matacáns en voladizo, sostidas por grandes canzorros, tres delas de sección circular. O acceso principal ou portalón de entrada ao recinto faise a traveso dun arco de medio punto formado con doelas protexido por sendas torres circulares, duns seis metros de altura sostidas por ménsulas. Barbacanas con canoneiras orientadas cara a defensa do portalón así como un camiño de rolda protexido por seteiras enlaza entre si as diversas torres de defensa.

O interior da vivenda repártese en torno ao patio de armas no que ten no seu inicio unha escaleira en pedra que da acceso a unha galería aberta situada en torno ao primeiro andar. Na parte baixa aínda consérvase o que no seu día foron as cortes, almacéns, cabalerías e mais as mazmorras. No primeiro andar sitúase a grande cociña ca súa impresionante lareira, sostida por dous pétreos pilares decorados con capiteis, así como os dous grandes salóns comunicados entre si. Cóbrese o edificio con tella do país, a catro augas, unida cos muros mediante unha cornixa moldurada decorada con canos - gárgolas. Posúe dúas chemineas correspondentes ca cociña e mais o salón 1.

Como edificios auxiliares existen: hórreos ou cabaceiros, así como una pequena capela, do século XVIII, dedicada a san Gregorio Magno.