Exposición

O Pazo de Trasalba expón a figura de Antonio Fraguas

Trasalva. 21/10/2019. Visita de los alumnos del IES As Lagoas a la exposición de Antonio Fraguas en la casa de Otero Pedrayo y con la presenacia de Valentín García, scretario xeral de política lingüística.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Os alumnos do IES As Lagoas na súa visita á mostra de Antonio Fraguas en Trasalba. (Foto: Xesús Fariñas)
Alumnos de As Lagoas visitaron a mostra co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García

Alumnos e autoridades visitaron onte na sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo a exposición sobre o que será o próximo homenaxeado no Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas, que se inaugurou a pasada fin de semana.  "Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma" estará aberta ao público ata o 31 de outubro no Centro de Estudos Oterianos. Esta iniciativa está impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo coa participación da Fundación Ramón Otero Pedrayo.

Os alumnos do IES As Lagoas acudiron onte a Trasalba para coñecer esta exposición sobre  a vida e obra de Antonio Fraguas. Xunto a eles, participaron nesta visita o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco.

García destacou o labor do autor pontevedrés: "Fraguas foi un grande estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, entre os que cómpre destacar a etnografía ou a antopoloxía, que contribuíron ao coñecemento da nosa cultura tradicional e ao afondamento da nosa identidade".  Aproveitou tamén para destacar a posición de Fraguas en defensa do galego como "idioma de expresión". En 1985, o autor cotobadés foi recoñecido co Premio Trasalba que lle outorgou a Fundación Ramon Otero Pedrayo.

Este proxecto adicado a Fraguas está rematando o seu percorrido por doce vilas e cidades das catro provincias galegas, iniciado o pasado mes de maio. Ao rematar en Trasalba, trasladarase a Celanova, onde permanecerá exposta, como última parada, na Casa dos Poetas-Fundación Manuel Curros Enríquez ata o 15 de novembro.

A mostra "Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma" pode visitarse en Trasalba cun horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas.

Te puede interesar