entrevista

Pepe Araújo: "A cidade foi moi lenta e tense que poñer a correr. Nós seremos xenerosos"

A costumado a traballar nun segundo plano,  José Araújo afronta por primeira vez unha campaña como cabeza de cartel

Asegura estar sentindo moito cariño dos veciños e está convencido dun bo resultado.

Satisfeito coa campaña?

Si, porque nos obriga a ser moito máis inxeniosos, intentar chegar sen medios onde antes tiñas máis posibilidades. A xente recíbenos moi ben.

Todo o mundo di iso. Parece que van gañar todos.

Descoñezo o que pasa no resto. O outro día estiven nun encontro e falamos coa directiva da asociación veciñal do que lle preocupaba ó pobo e dixeron que agradecían moito que estivesemos alí para escoitar, non só falar, porque acaba de pasar o PP e viñan 60 nun séquito e só había oito persoas do pobo.

Cales son as principais preocupacións da xente?

Que a corporación se poña dacordo e non haxa outros catro anos perdidos.

Ese será o papel de Ciudadanos?

Si, claro, imos ser moi xenerosos sexa desde o goberno ou desde a oposición para que as cousas saian adiante.

A aspiración cal é?

Ser a lista máis votada.

Que é o que máis lle preocupa?

O que primeiro quero facer son uns orzamentos para dotar ó Concello de medios para avanzar. Sen presupostos tes que estar todo o día parcheando, non é operativo, vese nas rúas. Despois, un PXOM consensuado.

Sen orzamentos e PXOM non hai futuro?

Un futuro gris, que é como está agora a cidade, gris. A xente considera que non se fixo nada, pese a que o alcalde vende constantemente acordos.

É difícil equilibrar esa crítica que fai co seu papel no goberno, no que estivo ata febreiro?

Non me reprochan iso. Teño un pasado e estou moi orgulloso, teño coñecemento da cidade para presentarme dicindo que podo ser unha boa alternativa e digo que había moitas cousas nas que non estaba dacordo na xestión municipal, fundamentalmente a do alcalde e decidín irme.

Veríase nunha coalición?

Véxome no lugar que me asignen. Se estamos na oposición seremos útiles e se é no goberno cederemos ata o infinito para conseguir que nos apoien.

Este mandato escoitouse o de peor goberno e peor oposición da historia.

A oposición fíxoo mal, especialmente PSOE e DO, foron moi destructivos, tóxicos.

Habería acordos con eles, se tan tóxicos foron?

Claro. Véxome chegando a acordos con calquera polo ben da cidade, pero non sei como van ser as coalicións.

Con Jesús Vázquez tamén?

Para acordos puntuais con calquera grupo.

Digo co alcalde.

Con calquera grupo estou disposto a acordos puntuais. Eu descoñezo o que os grupos van facer. Non sei se Jesús ó día seguinte de quitar cinco ou seis concelleiros vai seguir estando.

Esa é a súa aposta?

Creo que vai sacar iso o PP, si.

Estamos ante catro anos clave?

Xa quedamos atrás en moitas cousas, a cidade foi moi lenta e tense que poñer a correr. Temos que defender o Campus si ou si, sen titubear. A Xunta ten que dicir se aposta por Ourense ou nos deixa coas sobras, que é o que acostuma facer. Tense que acostumar a un alcalde que vaia reivindicar cousas, non a un que se vaia desculpar. O actual exerceu máis de conselleiro que de alcalde, sempre estivo desculpando.

Non aproveitou esos gobernos amigos dos que tanto se falou?

Se se aproveitase, Otero Pedrayo estaría soterrada, faríamos un hospital novo e non ir con remendos.

Vostede dixo iso cando era membro do goberno?

Dixen en varios momentos que había que esixir máis, que para iso eran supostamente un goberno amigo. Por exemplo, a reforma do parque da Ponte precisaría 600.000 euros, o alcalde só conseguiu 200.000. E parece que lle debemos a vida aínda, en outra cidade como Vigo sería imposible, o alcalde montaría un follón.

Falta peso político?

Coa administración autonómica si. E Rafa Villarino debería estar en Madrid preguntando a Pedro Sánchez se imos ter circunvalación norte ou se chegará o AVE, a intermodal.

Que papel xogaría na Deputación no caso de romperse a maioría?

O que nos digan os cidadáns. Se temos votos suficientes para cambiar as cousas, farémolo. n

Te puede interesar