Diarios do pasado

Un peregrino de acibeche nas Burgas

Peregrino de acebiche e camiño medieval nas Burgas.jpg_web
photo_camera Peregrino de acebiche ecamiño medieval nas Burgas.

No universo cristián existen varios centros de peregrinación. Tres acadaron un lugar destacado, Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela, respectivamente meta de “palmeiros”, “romeiros” e “xacobeos”. O primeiro foi centro orixinario do cristianismo. Os outros son sé episcopais apostólicas, é dicir, con reliquias de apóstolos destacados. Coa inventio no s. IX do sepulcro do apóstolo Santiago no mítico bosque do Libredón, o Liberum Donum da Raíña Lupa, nos tempos de Alfonso II El Casto, comezaron as peregrinacións, a través dunha rede de camiños que fixeron de Santiago e de Galicia un dos territorios máis coñecidos de occidente no medievo. O auxe desas peregrinacións á sé compostelá constatámola en Ourense dende varios aspectos. Así, na documentación nos arquivos, asunto que podemos contarlles noutra ocasión, nos restos arquitectónicos, fundamentalmente igrexas, e elementos viarios, e algunhas pezas arqueolóxicas.

Hoxe queremos recordarlles, ou darlles a coñecer, un obxecto plenamente xacobeo que apareceu non hai moito tempo nas escavacións das Burgas. Aquí, como ben saben, descubríronse restos romanos, pero tamén da Idade Media. Entre outros, aparecera unha calzada cun firme de coios de río, camiño parcialmente conservado e consolidado nas ruínas que poden visitar, e que conectaba a cidade coas fontes termais a través dunha pequena porta ou postigo. Lembren que daquela as fontes situábanse fóra da cidade medieval, aínda que moi cerca do límite occidental. En relación cos restos da calzada, desigualmente conservada, apareceu esta peza de acibeche que representa a figura dun Santiago peregrino. Ten un tamaño reducido, algo máis de 3 cm de altura e 1,6 cm de anchura. Foi tallado neste mineraloide semiprecioso de cor negra e brillante, material que xa tiña moito prestixio dende épocas prehistóricas. O apóstolo, caracterizado como un peregrino xacobeo, ás veces chamado “santiaguiño”, está vestido cunha túnica que lle chega ata os pés. Na man dereita porta un bastón de camiñante. Na cintura leva prendida unha escarcela e un libro na súa man esquerda, seguramente as Sagradas Escrituras. Loce un sombreiro adornado coa vieira, símbolo da peregrinación.

O “santiaguiño”, mestura de devoción e protección dos peregrinos, foi fabricado polo gremio de artesáns do acibeche que dende o s. XIII se asentaron en Santiago, profesión que vai florecer no medievo impulsada polas peregrinacións xacobeas. Non é estraño que nas Burgas, aparecese unha peza así. Seguramente chegou ata aquí por algún dos camiños de peregrinación. Como ben saben, nesta cidade conflúen varias rutas xacobeas. Os peregrinos descansaban e recuperábanse nos baños das Burgas antes de continuar o camiño. De feito a rúa do baño, que hoxe a do Vilar coa do Progreso, fai referencia a eses baños medievais. Existe un documento de 1208 recollido polo arquiveiro catedralicio E. Duro Peña que seguramente os cita, así como unha ordenanza municipal de 1454 para que se “apostasen e corregesen os baños” entre o Concello de Ourense e o Cabido Catedralicio, segundo recolle X. Ferro Couselo.

Non debemos esquecer que se Ourense non é destino xacobeo, desempeña un papel verdadeiramente destacado nestas rutas de peregrinación, porque aquí conflúen camiños importantes, como a actualmente chamada Vía da Prata e o Camiño Portugués, por citar os máis nomeados, e que as augas das Burgas curaron e confortaron aos peregrinos como antes o fixeran cos devotos dos deuses precristiáns que moraban nelas.

Te puede interesar