EDUCACIÓN

Pereiro ofrece un programa para frear o abandono escolar

Pereiro. Educación
photo_camera Alumnos do colexio Ben-Cho-Shey, nunha imaxe de arquivo.

Serán clases gratuítas e atención individualizada, ademais de estar en contacto cos colexios

O Concello de Pereiro de Aguiar ofrece un programa municipal de redución do abandono escolar para as familias de 1º e 2º da ESO, no que se ofertan clases gratuítas para os alumnos con obradoiros de reforzo en Matemáticas e Lingua.

Desde o 21 de decembro e ata o 11 de xaneiro os pais poderán solicitar a inclusión neste plan presentando, entre outros requisitos, as notas obtidas no primeiro trimestre do curso.

Este programa inclúe atención personalizada aos alumnos que o soliciten en canto a asesoramento didáctico. O portavoz do grupo de goberno, Manuel Doval, sinala a importancia de atender "aos rapaces" e velos "como persoas e non como números".

Así, os educadores sociais do Concello están en permanente contacto co colexio e os institutos coa fin de atallar problemas que xurdan na súa etapa lectiva, máis aló deste plan que pretende evitar o abandono dos estudos a idades temperás.

Este plan de apoio a nenos e mozos engádese ao traballo que veñen desenvolvendo coa aula para adultos, na que levan moitos anos traballando, así como a Aula Concilia que se desenvolve no CEIP Ben-Cho-Shey, na que tamén se dá apoio didáctico aos rapaces antes e despois da xornada lectiva.

Te puede interesar