TERMALISMO

O perfil do usuario das termas roza os 50 anos

Unha investigación da UVigo analizou a media de idade e os usos dos espazos

O proxecto de investigación coordinado pola antropóloga da Universidade de Vigo Fátima Braña tivo como obxectivo analizar o perfil de usuarios, usos e valoración das termas abertas en Ourense. Entre as conclusións que arroxa o estudo "queda claro que as termas non son usadas de forma preferente por persoas maiores nin por persoas de renda baixa". Fruto desto, "o termalismo é un fenómeno social xeral en canto a xénero e idade e tamén de persoas que repiten a experiencia con regularidade".

O estudo, financiado pola convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial, "ofrece por primeira vez datos empíricos do perfil socioeconómico, motivacións, patróns de uso en espazo e tempo, prácticas no ámbito termal, suxestións de mellora e valoracións destes usuarios", segundo explican os seus responsables.

"Podemos dicir que os usuarios dos espazos termais segundo a mostra recollida son homes e mulleres cunha media de 46 anos", comentan os autores. Un dato "relevante na medida en que se enfronta á idea de que o termalismo é unha actividade asociada coas persoas máis maiores e terceira idade", engaden. Segundo a información recadada neste traballo, as persoas usuarias teñen procedencia española nun 75,5 por cento dos casos e portuguesa nun 20,3 por cento e son maiormente asalariadas ou xubiladas. A investigación tamén indica que cando as persoas van ao espazo termal maioritariamente esperan estar ata dúas horas. 

Te puede interesar