INICIATIVAS EMPRESARIALES

A Peroxa dará incentivos ás empresas durante tres anos

O Concello adheriuse á rede "doing business" con bonificacions impositivas de ata o 95%

O Concello de A Peroxa uniuse á rede de municipios "doing business", a través dun convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta de Galicia. Con esta medida, intentarase fomentar a presenza de máis empresas no concello a través das bonificacións fiscais, de acordo ao que dita o protocolo.

Para todo iso, o Concello modificou as ordenanzas do Imposto de Bens Inmobles (IBI), o Imposto de Actividades Económicas (IAE) e Imposto sobre Construcións (ICIOS), así como as taxas de licenzas de obra, de apertura de establecementos e das parcelas.

Haberá unha bonificación de ata o 95% en IBI, IAE e ICIOS para as empresas que creen ata 20 postos de traballo; dun mínimo do 75% para entre 11 e 20 novos postos laborais e dun mínimo do 50% para as empresas que se instalen no municipio e creen ata 10 postos de traballo.

As medidas comprometidas polo Concello de A Peroxa, aprobadas en pleno cos votos a favor do grupo de goberno popular e a abstención dos socialistas, contan cun compromiso de ser aplicadas durante os próximos tres orzamentos.

Ademais, mediante a integración nesta rede, o Concello poderá integrar o solo industrial da súa titularidade no Observatorio de Solo Empresarial da Xunta.


Modificación de ordenanzas


"É algo bo ao que adherirse para ter capacidade de atraer ás empresas", salientou o alcalde de A Peroxa, Manuel Seoane. Unha vez foron modificadas as ordenanzas, requisito básico ao que se chegara no acordo plenario, o municipio integrará tamén a marca "concellos doing business Galicia", que dirixe a Xunta de Galicia.

A Peroxa é un concello eminentemente rural e o que menos diñeiro recada na actualidade a través de impostos e taxas de todos os que compoñen a área metropolitana de Ourense. Segundo os últimos orzamentos presentados, a racadación ascendía a 179 euros per cápita, unha cifra moi afastada respecto a outros concellos.

Sobre a adhesión a "doing business", os socialistas de A Peroxa, que non se opuxeron, volveron resaltar a importancia de ofrecer ás empresas "solo industrial para poder asentarse", recordando que se puxese en marcha o proxecto "paralizado" do parque empresarial. 

Te puede interesar