ÁREA METROPOLITANA

A Peroxa mellorará os camiños de acceso a oito núcleos

Actualmente, estas estradas presentan un deterioro importante, que dificultan o tráfico rodado

O Concello da Peroxa investirá un total de 70.000 euros na mellora de  estradas municipais, dentro do Plan de mellora a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) cuxas axudas foron concedidas a finais de 2018, por importe de máis de 57.000 euros. 

As obras situaranse nos núcleos de San Cibrao, Conchouso-O Souto e Corneda, todos eles pertencentes ao concello da Peroxa, coas que se pretende mellorar os accesos a estes núcleos, xa que agora presentan un estado que dificulta o tráfico rodado, polo deterioro do firme. 

O Concello, que vén de licitar as obras, enmarca este proxecto dentro do seu obxectivo de "mellorar a calidade de vida" das zonas do rural, para intentar reter a poboación. 

A primeira das obras consistiturá na rexeneración do firme de acceso que une a N-540 con San Cibrao e que continúa ata a estrada de Entrambosríos.  Tamén se prevé a demolición e nova pavimentación dunha zona do centro do núcleo que adoita encharcarse cando chove. 

Outra actuación acometerase no camiño que une a OU-0505 con O Souto, pasando polos núcleos de Conchouso, Alende, Casdegistola e A Orde. Por último, intervirase no acceso desde a OU-0501 ao núcleo de Corneda, moi deteriorado na actualidade. 

Te puede interesar