Entrega a unha asociación o aforro da supresión do alumeado do Nadal

Piñor apoia a loita contra a morte infantil na India

Francisco Fraga (segundo pola esquerda) durante a entrega do donativo no 2010. (Foto: LR)
O vindeiro xoves terá lugar no Concello de Piñor un acto solidario no que se fará entrega dun donativo á asociación Implicadas no Desenvolvemento, unha organización galega fundada en 1998 e que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero.
As autoridades farán entrega ó persoal da asociación dun donativo de 800 euros, derivado do aforro enerxético que supuxo a supresión do alumeado tradicional do Nadal. Así como o ano pasado os cartos foron destinados á poboación saharaui (compra de placas solares e medicamentos), nesta ocasión os fondos destinaranse á asociación Implicadas no Desenvolvemento debido á recente aprobación do segundo Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes en Piñor, 'polo que nos comprometemos á loita contra a desigualdade e a violencia de xénero durante catro anos máis', sinalou o alcalde Francisco Fraga. Con elo, os aforros de non empregar alumeado axudarán á entidade na execución dos seus proxectos, sobre todo no que se refire á eliminación do infanticidio feminino no distrito de Salem (India). Esta zona é unha das máis afectadas do país, calculándose que cada ano morren ou deixan de nacer unhas 200 nenas. 'O infanticidio feminino é unha práctica que consiste en matar ás nenas que acaban de nacer ou ben abortar os fetos femininos debido ó baixo valor que as mulleres teñen na sociedade', indicou Fraga.

Te puede interesar