ARTE ET ALIA

A pintura social de Quessada, memoria e testemuña dun tempo

20180204174555983_result
photo_camera "Vietnam",1964, Museo Municipal de Vigo con "El Garrote" e "Silla eléctrica", 1960-70, de Afundación.

Achegarse ás obras de Xaime Quessada expostas na sala de Afundación supón un abraiante descubrimento para os sentidos, e a sensibilidade, na altura que andamos do século XXI.

O comisario José Gómez Alén quere expresar con esta escolla, centrada nas décadas dos anos sesenta e setenta do pasado século, a reacción do artista ourensán ante a opresión e a tiranía facendo súas as preocupacións e inquedanzas de diversos colectivos sociais consonte a súa ética persoal, e solidariedade. Son as súas obras testemuña dun sentir, que toca tanto as feridas da guerra de Vietnam ou o Chile do golpe de estado do xeneral Pinochet fronte a Allende, como a represión franquista. En todas amosa o seu arte de gran porte, grandilocuente nas formas. Nelas vese o seu sentido da solidariedade universal, o compromiso social de cidadán do mundo. A linguaxe formal do pop, e os camiños da figuración de raigame expresionista, coas achegas obsesivas baseadas no "Guernica" picasiano, son as formas externas que peneira dende a súa síntese de grande artista. O idealismo deste no político estaba co Partido Comunista de Galicia desde 1967, uníndose tamén ao de España segundo se ten escrito, relación que mantivo uns dez anos. Mais a loita e defensa dos dereitos foi un vector constante na súa vida.

SERIE NEGRA

Un dos acertos indubidables desta exposición é esta achega pictórica de Quessada,máis completa que a que fixo recentemente en Ferrol. Estas obras que se expoñen no soto do edificio teñen como denominador común a loita contra a tortura e a pena de morte, e abranguen un abano temporal que vai do campo de exterminio xudeu dos nazis en Auschwitz-Birkenau ata Carabanchel, el Garrote ou Réquiem no penal de Burgos. Todas elas enmárcanse entre "Vietnam" e "El laberinto español IV", obra de 2003 que reborda o marco cronolóxico dos vinte anos sinalados. Dende a escolma dos fondos de Abanca, Afundación, e da Fundación Quessada Blanco, principalmente, con achegas dos museos municipais de Vigo e Ourense, e da Universidade de Santiago, velaquí  un canto á fraternidade dende a denuncia da intolerancia. Agora que se cumpre unha década da súa morte e once anos daquela exposición nesta mesma sala co seu fillo, xa entón infelizmente falecido, botar unha ollada a súa arte permite decatarmos das súas multiformes influenzas estilísticas e técnicas transmutadas ao quesadiano modo nunha marca de seu. O fértil maxín deste proteico artista atlántico e mediterráneo era ao mesmo tempo fondamente europeo e galego de Ourense, dende a rúa Lamas Carvajal. Nos cen metros entre a sala de arte da Praza Maior e Santa Eufemia houbo un río de vida e arte que fluía da casa dos Quesada Porto, que era un mundo. E nestes días nos que se escrebe que vai vir á Cidade da Cultura de Galicia "A derradeira lección do mestre", de Castelao, paradigma dun tempo, estaría ben que a Fundación Quesada Blanco  puidera propoñer unha exposición antolóxica súa. Quessada, pintor novelista, nas palabras de Darío Villanueva, nunca deixou de practicar o compromiso coa pintura e co seu tempo. 

Te puede interesar