Dous ourensáns, pioneiros da aviación e irmáns na traxedia

Francisco acompañado de varios pioneiros do aire -masculinos e femininos- na base de Los Alcázares (Murcia).
photo_camera Francisco acompañado de varios pioneiros do aire -masculinos e femininos- na base de Los Alcázares (Murcia).
Esta é a breve historia dos Rodríguez-Caula Meleiro, dous irmáns ourensáns cunha traxectoria común na vida (pioneiros da aviación) e un prematuro e tráxico encontro coa morte: Francisco nas costas de Alxeria e Augusto en Paracuellos del Jarama

O peche temporal do aeroporto de Peinador provocoume saldar unha vella eiva informativa: a de rescatar do esquecemento as vidas descoñecidas de dous irmáns ourensáns que forman parte da historia da aviación española. Se nos inicios do século XX resultaba insólita a existencia dun piloto na provincia, moito máis insólito era que unha mesma familia contase con dous. Dous pioneiros que paladearon o doce sabor do éxito, pero acabaron abocados á inxerencia prematura do acedo regusto da traxedia.

Augusto Rodríguez Caula foi un coñecido avogado ourensán que centrou a súa vida profesional e o seu estatus social en Ourense como “contador de fondos” da Deputación e como empresario do curtido na fábrica da aldea celanovesa de Sampaio de Veiga, que herdou de seu pai, o tamén avogado e mesmo deputado, Ricardo Rodríguez Marquina.

De tal torgueira xurdiron, nos anos 1895 e 1897 respectivamente, Francisco e Augusto Rodríguez-Caula Meleiro, dous mozos inquedos que conxugaban os estudos na capital -onde residían-, coas estadías estivais, xunto cos outros tres irmáns, na aldea de Veiga.

Fose por innata vocación militar ou pola relación de seu pai coa elite social e política ourensá, entre os que se contaba Manuel Salgado Biempica, profesor na academia militar de Toledo, o caso foi que ámbolos dous acabaron graduándose como tenientes de infantería na devandita academia.

Francisco -o maior- conseguiuno na promoción de 1910, ó mesmo tempo que o exército español comezaba a mirar cara ó ceo mercando en Francia os tres primeiros aeroplanos, e tres anos antes de que se crease oficialmente o Servizo de Aeronáutica.

Quere isto dicir que no caso de Francisco, o seu ingreso no servizo aéreo e a súa formación como piloto evolucionou á par da creación das primeiras estructuras aeronáuticas e da apertura da primeira escola de pilotos en Cuatro Vientos, coincidindo e formando parte, polo tanto, do privilexiado grupo de auténticos pioneiros da historia da aviación española, coma Ramón Franco, Joaquín Lóriga, Francisco Iglesias ou Díaz de Lecea, todos eles, curiosamente, galegos ou con raigames galegas.

Nese elitista contexto acadou o grao de capitán e especializouse como piloto de hidroavións, participando moi activamente, xa nos anos 20, na guerra do Rif, onde realizou máis dun cento de voos polos que foi laureado con varias cruces de mérito e ascendido a comandante en 1925, “teniendo en cuenta los relevantes servicios de campaña que ha prestado en el protectorado de Marruecos”.

Xefe de grupo en distintas bases coma Getafe, Torrejón ou El Atalayón no medio dunha oficiosa competición internacional por ver quen facía o voo máis longo ou mesmo o máis perigoso, logo de que en 1926 Ramón Franco e Ruíz de Alda chegaran a Buenos Aires co “Plus Ultra”, de que nese mesmo ano Joaquín Lóriga unise Madrid con Manila na expedición “Elcano” e Francisco Iglesias estivese preparando a viaxe por Sudamérica co “Jesús del Gran Poder”, nesas andaba el, preparando a “Volta ó Mediterráneo”, cando na tardiña do 31 de decembro de 1928, na compaña do tamén capitán Pedro Tauler e do mecánico Joaquín Martínez, partiron do aeródromo de Los Alcázares (Murcia) nun hidroavión “Dornier 8”, cara Melilla para seren “devorados” literalmente polo temporal do mar de Alborán.

Tres días despois, os medios salfiren a noticia da aparición do casco da aeronave nunha praia da costa francesa de Alxeria, sen ás e sen o máis mínimo rastro dos tripulantes abordo, dos que -logo dunha infructuosa búsqueda na que incluso participou co seu avión o seu irmán, Augusto, daquela, xa capitán-, só aparecerían tres meses despois algúns restos óseos que non aproveitaron os chacais e que foron soterrados no cemiterio militar de Melilla. Tiña 33 anos.

Pola súa parte, Augusto manteríase ligado á aviación, mais nun segundo plano, chegando a ser nomeado “caballero de la Orden de la Corona de Italia” e sendo detido polas forzas republicanas no inicio da guerra. Recluído no penal de San Antón e logo na “Modelo”, de aí sería “sacado” o 7 de novembro do 36 e fusilado en Paracuellos del Jarama. Tiña 39 anos.

Te puede interesar