O plan de recuperación do Xurés incluirá un protocolo para evitar lumes

photo_camera Consecuencias del incendio de Lobios.
A Xunta traballa para impulsar o Xurés como "marca natural"

O plan de rexeneración da Xunta para o Xurés xa está en marcha. Durante unha visita a unha das zonas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés máis afectada polos incendios forestais do mes de setembro, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou parte do contido deste plan, no que traballarán conxuntamente o seu departamento e o de Medio Rural a través dunha comisión de traballo que acaba de ser constituída.

Entre as principais liñas de actuación, referiuse á elaboración dun estudo sobre o risco de erosión do parque e dun mapa cos distintos tipos de solos, dúas ferramentas que permitirán obter información rápida e útil en caso de incendio sobre as zonas de intervención e as medidas a adoptar para preservar o chan das chuvias, así como coñecer as características de cada solo para avaliar a súa capacidade para soster diferentes clases de vexetación.

O plan incluirá medidas orientadas non só a actuar naquelas zonas do parque que resultaron recentemente queimadas co fin de garantir a súa recuperación, senón tamén naquelas que xa se están rexenerando desde un punto de vista hidrolóxico e forestal e mesmo en puntos que non se queimaron, co fin de potencialos e evitar posibles lumes.

En todo caso, a conselleira de Medio Ambiente incidiu tamén na importancia de combinar este tipo de medidas de prevención e rexeneración con outras con efectos a máis longo prazo. Neste sentido, asegurou que a Xunta traballa xa no impulso do Xurés como “marca natural”, para o que creará un distintivo propio que avale a calidade deste espazo protexido, e avanzou que tamén se potenciarán as zonas de máis alto valor ecolóxico do parque a través dunha xestión sostible e que preserve a súa singular biodiversidade.

Te puede interesar