Pontón pide á xente nova de Ourense que defenda a cidade da corrupción

Seara e Pontón, onte.
photo_camera Seara e Pontón, onte.

Luís Seara avanzou que quere dividir a cidade de Ourense en distritos para poñer os veciños "no centro da política"

O candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luís Seara, recibiu onte de novo o apoio da portavoz nacional do partido, Ana Pontón. A líder nacionalista chamou á mocidade a votar ó Bloque: “Ten a chave para poder cambiar o concello de Ourense, co seu voto ten o poder de deixar atrás os escándalos e as corruptelas dese dúo letal que é Baltar-Jácome para a provincia e para a cidade”.

Pontón pediu unha mobilización masiva da xente nova, “que sexan parte motor de cambio e que usen o poder do seu voto”. Neste sentido, dirixiuse “á mocidade que quere concellos que loiten contra o cambio climático, concellos con vivenda digna e a prezos razoables, feministas, inclusivos, nos que cada quen poida ser o que queira ser e amar a quen queira amar”, proclamou. E pechou con contundencia a porta a pactos con Jácome ou co PP: “Baltar e Jácome son as dúas caras da mesma moeda”, censurou Pontón.

Pola súa parte, Seara pediu o voto para cambiar un Ourense inzado de “casos de corrupción que salpican á alcaldía que lixan o nome do noso Concello”. Ademais, anunciou que quere poñer en marcha unha organización do concello en distritos. Cualificouno como “transformador, que chegue a todos os barrios, que poña a veciñanza no centro da política”; en definitiva,  “policéntrico”.

Te puede interesar