O PP esixe a Correos que se garantice o servizo no rural ourensán

Só na provincia de Ourense, Correos suprimiu vinte postos de traballo

O grupo provincial popular presentara ao pleno ordinario de abril unha moción na que esixe "que se garanta o servizo público postal que presta Correos nas áreas rurais da provincia, onde contribúe á cohesión social, territorial e económica facilitando e dando acceso á veciñanza, ás empresas, ao comercio e ás administracións locais a un servizo de calidade e a prezos alcanzables". 

Unha iniciativa que responde, explica o vicepresidente terceiro e portavoz do grupo popular, Plácido Álvarez, "á debilitación da estrutura postal nas zonas rurais, coa diminución de recursos e recortes de persoal froito dunha xestión por parte da dirección de Correos que só obtén resultados económicos negativos".

Os servizos postais están fortemente arraigados no rural e a súa prestación, segundo a lei, "debe atender ás condicións económicas e sociais do territorio e ás necesidades dos usuarios, de xeito especial polo que respecta aos puntos de acceso, á súa calidade e eficiencia, á igualdade de condicións respecto da poboación das grandes cidades, e sen discriminación algunha por razóns sociais ou xeográficas", advirte Álvarez.

Na moción, o Partido Popular expresa a súa "profunda preocupación" pola situación deste servizo, "onde só na provincia de Ourense Correos suprimiu vinte postos de traballo, cun recorte na contratación que deixa sen cubrir o emprego estrutural e calquera tipo de permiso ou licenza do persoal coa conseguinte redución na calidade". 

Te puede interesar