O PP de Ourense chama aos tres grupos municipais para buscar solucións de goberno "á emerxencia actual"

Rosendo Fernández rexeita a proposta de DO por limitar opcións ao convocar nun hotel só á oposición e para unha moción de censura

O PP de Ourense chama aos tres grupos municipais a un encontro en dependencias municipais, calquera día da próxima semana, para buscar solucións de goberno "á emerxencia actual" na que o alcalde e o seu grupo "van de escándalo en escándalo".

O voceiro municipal do PP, Rosendo Fernández, convocou con urxencia unha rolda de prensa este mércores para facer a súa proposta, 16 horas despois de que Democracia Ourensana (DO) dese a coñecer a súa convocatoria aos grupos da oposición para estudar, nun céntrico hotel da cidade, a posibilidade de presentar unha moción de censura.

Fernández criticou da proposta de DO que se limitase aos partidos da oposición --DO, PP e BNG--, que se convocase nun hotel e que fose só para unha moción de censura, así que, segundo dixo, decidiu formular unha proposta "con outros condicionantes, máis de sentido común, sen ir predeterminados a unha saída única segundo DO, que é a moción de censura".

Ademais, o voceiro popular detallou que a súa convocatoria é "extensiva a todos os concelleiros de Ourense para chegar a un acordo para acabar co actual grupo de goberno, pero analizando todas as posibilidades que dá a lexislación" e aludiu á Lei de Réxime Electoral Xeral e ao Real Decreto de Regulación de Organización Xurídica de Entidades Locais.

"SITUACIÓN CAÓTICA"

O obxectivo proposto polo PP para esta reunión, que non concretou máis que en calquera día da próxima semana, é o de "elaborar e pactar un programa esencial de goberno" no que, segundo comentou, o PP anteporá os intereses dos ourensanos antes que os do partido "porque non pode seguir esta situación caótica na terceira cidade galega".

Na comparecencia, foi preguntado sobre se está disposto o PP a renunciar á Alcaldía, en negociación co resto dos partidos, ao que respondeu que "sempre que sexa polo ben da cidade non hai dúbida".

"Faltan 14 meses para as próximas eleccións municipais e non se pode seguir así de escándalo en escándalo e cun alcalde que está ausente, escondido e defendendo os seus problemas coa Xustiza e non interesándose polos problemas dos veciños de Ourense", detallou en alusión á denuncia presentada polo seu partido contra os integrantes da Xunta de Goberno Local que adxudicou obras de urbanización con fondos do plan E estatal en 2008, na rúa na que vive.

Tamén criticou a "inacción e bloqueo" do goberno municipal e explicou que, por exemplo, foi desconvocada este mércores a Xunta de Área de Facenda. "Cando estamos pendentes dun borrador de presupostos que non dá chegado, apostilou.

NOVA SITUACIÓN

Entre os escenarios posibles, segundo Fernández, está que o alcalde renuncie voluntariamente ao seu cargo e, nese caso, sinalou que haberá que "analizar a nova situación".

Tamén aludiu á denuncia presentada pola edila de Urbanismo, Áurea Soto, contra unha Xunta de Goberno Local do ano 2006 na que se aprobou o pagamento de 61.000 euros á empresa do voceiro de DO, Gonzalo Pérez Jácome, pola compra de máis de cen altofalantes que non chegaron a instalarse nas rúas do centro comercial aberto Centro de Ourense.

A Xunta de Goberno denunciada estaba integrada e presidida polo PP e, segundo Rosendo Fernández, o seu grupo municipal e o edil que era responsable desa materia, Aurelio Gómez Villar, está a intentar localizar ese expediente "pois non aparece onde tería que estar, que é no departamento de Comercio. Ademais, afirmou que dará información en canto a teña, pois el non formaba parte daquel Goberno municipal presidido por Manuel Cabezas Enríquez.

BNG NON ACUDIRÁ

Momentos antes da convocatoria do PP, o voceiro do BNG, Xosé Somoza, nunha rolda de prensa sobre temas urbanísticos, responderon á proposta de DO e dixo que o seu grupo "acudirá pola tarde á manifestación en defensa da sanidade pública, pero non o luns á reunión convocada".

Ao respecto, detallou a premisa do BNG, sobre acordos de goberno, de "non entrar nunca en pactos nin acordos co PP". "Porque ese partido representa todo o contrario do que defendemos nós", concluíu.

Te puede interesar