O PP reclama a Renfe un “plan urxente” para recuperar frecuencias suprimidas en Ourense

Piden adecuar a oferta á actual demanda de mobilidade dos que se desprazan a diario en tren entre Ourense e A Coruña ou Santiago, de xeito compatible coas conexións de AVE entre Ourense e Madrid

O grupo do PP no Parlamento demanda ao Goberno un plan de acción “urxente e a curto prazo” para restablecer os servizos horarios e frecuencias suprimidas por Renfe amparándose na pandemia, ademais de procurar unha solución para adecuar a oferta á actual demanda de mobilidade dos que se desprazan a diario en tren entre Ourense e A Coruña ou Santiago, “de xeito compatible coas conexións de AVE entre Ourense e Madrid”. 

A deputado popular ourensá Noelia Pérez afirmou que  “os servizos ferroviarios configúranse como a mellor alternativa para o desprazamento entre cidades”, pero lamentou que “en Galicia levamos meses sufrindo alteracións no funcionamento dos servizos ferroviarios”. En concreto, referiuse á eliminación de frecuencias nos horarios máis demandados; retrasos continuados; horarios incompatibles coa xornada laboral; carencia de maquinistas; ou avarías dos trens, coa conseguinte cancelación dos servizos, “ máis acusadas nas liñas que unen Ourense e Santiago, Ourense e A Coruña e Ourense e Lugo, obrigando aos viaxeiros a realizar estes percorridos no vehículo particular ou incluso en autobús, coa conseguinte perda de tempo e de recursos”. Pérez puxo como exemplo o servizo Ourense-A Coruña das 6,45 horas, eliminado hai máis dun ano  ao que se suma o anuncio por parte de Renfe dos novos horarios entre A Coruña-Santiago-Ourense para adaptarse á chegada do AVE, que “provoca que os trens con saída da Coruña se adianten en algo máis de media hora, o que implica que os viaxeiros que vaian traballar a diario a Ourense desde aquelas cidades estarán na estación as sete da mañá”.

Te puede interesar