Unha inversión de 32.000 euros permitirá reformala e recuperala

A praza de Lebozán, en Beariz, será punto de reunión dos veciños

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, asinaron un convenio de colaboración para acondicionar e mellorar a Praza de Lebozán, neste municipio. O importe deste convenio, aportado ao 100% pola Xunta de Galicia, elévase a case 32.000 euros (31.937).
Nas inmediacións desta praza conflúen varias zonas de esparcemento veciñal, como a igrexa parroquial de Santa Cruz, a escultura A Lavandeira do metal e un parque infantil; polo que a mellora e acondicionamento deste punto converterá esta zona nun punto de referente veciñal.

As actuacións consistirán na mellora do pavimento con lousas de pedra de granito do país, a construción dun muro de formigón, ao tempo que se instala unha arqueta e toma de augas. O proxecto tamén inclúe a construción dunha caseta para albergar o cadro eléctrico.


A XUNTA PAGARÁ O 100%

En relación coas obrigas, o departamento autonómico aportará o 100% do investimento; mentres que a Administración local deberá redactar o documento técnico de definición da obra, obter os permisos, licencias e autorizacións, poñer a disposición da Xunta os terreos libres de cargas e contratar, executar e dirixir as obras.

O conselleiro manifestoulle ao alcalde que non se trata dunha obra cun orzamento elevado, pero puxo en valor a importancia desta actuación xa que responde ao obxectivo de recuperar os espazos de encontro para mellorar as posibilidades de lecer dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no media rural.

O Goberno galego ten dentro dos seus obxectivos principais conseguir a mellora da calidade de vida dos cidadáns, neste caso dos habitantes do rural galego, polo que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver, dentro do Plan Hurbe, unha serie de actuacións como a mellora das contornas urbanas, a posta en valor de determinados inmobles, a creación de novos espazos públicos ou a reposición de servizos, entre outras.

O Plan Hurbe 2010-2014 naceu como resposta á necesidade da humanización das vilas de Galicia. Busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos.

Te puede interesar